Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo participa na Comisión de Seguimento do proxecto arqueolóxico en Navia de Suarna, Ibias e Candín

- Navia de Suarna mantén un convenio de colaboración co Concello asturiano de Ibias e o leonés de Candín, así como co Consello Superior de Investigacións Científicas, para o estudo e valoración de xacementos e minas de ouro do seu entorno- O proxecto Conquista, articulación del territorio y explotación de recursos en el límite entre el convento lucense y el de los astures conta cun presuposto inicial de 20.500 euros  para os primeiros traballos de posta en valor das áreas arqueolóxicas

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participou este martes na reunión da Comisión de Seguimento dun recente proxecto de investigación, impulsado polo Concello lucense de Navia de Suarna, o asturiano de Ibias e o leonés de Candín, para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico destes tres municipios. A Deputación de Lugo foi convidada a sumarse a este encontro, ó igual que a Deputación de León, e os departamentos de Cultura das Comunidades Autónomas de Galicia, Castela e León e Asturias.

O proxecto denomínase Conquista, articulación del territorio y explotación de recursos en el límite entre el convento lucense y el de los astures. Para o seu desenvolvemento, os Concellos de Navia de Suarna, Ibias e Candín asinaron en xullo un convenio co Consello Superior de Investigacións Científicas. Mediante este acordo, o Consello comprometeuse cunha achega de 12.000 euros e os municipios con 8.500 euros (Navia de Suarna contribúe con 1.500 euros, Candín con 1.000 e Ibias con 6.000 euros), sumando 20.500 euros.  

O Consello Superior de Investigacións Científicas, a través do Instituto de Historia, encárgase de estudar e valorar os recursos do xacemento de A Recacha, no límite de Navia de Suarna e Ibias, e As Grandas das Xarras, confín a Ibias e Candín; e de algunhas minas de ouro de época romana, ubicadas tamén nestes Concellos. O Instituto de Historia asume tamén labores de protección, investigación, valoración e difusión de todas as zonas.

Ó longo do 2013, realizáronse as primeiras investigacións, co obxectivo de avaliar a potencialidade científica e patrimonial destes dous xacementos e das minas dos tres municipios implicados. A partires da investigación, propúxose un plan de traballo para 2014, que inclúe a documentación das áreas arqueolóxicas, así como traballos de roza, mantemento e sinalización.

Comisión de Seguimento
A función principal da Comisión de Seguemento é supervisar a marcha de dito proxecto e velar polo seu bo desenvolvemento. Do mesmo xeito, deberá interpretar os termos do acordo que así o requiran e aprobar as modificacións necesarias. Esta comisión está composta polos Alcaldes de Navia de Suarna, Ibias e Candín; José Fernández, José Ron e José Antonio Álvarez, respectivamente; e 3 representantes do Consello Superior de Investigacións Científicas: unha investigadora científica, Almudena Orejas, o vicepresidente do Consello, José Ramón Urquijo, e a directora do Instituto de Historia, Consuelo Naranjo.