Deputación de Lugo

Guitiriz recibirá de novo as actividades gratuítas do Lugoteando  tras o éxito de participación nesta vila chairega

Imaxe deputación de lugo
- A Deputación ofrece outras 200 prazas para participar, a custe cero, nas actividades de lecer ecolóxico, que o organismo provincial leva mañá á praia fluvial de Parga e o vindeiro sábado 20, á área recreativa Sete Muíños - Os participantes, ó igual que o fixeron as 800  persoas que gozaron destas actividades durante o verán, poderán practicar, de 15:00 a 20:00 horas, paddle-surf; camiñar sobre a auga en bolas acuáticas ou desprazarse en canoa. As inscricións realizaranse in situ

A Deputación leva de novo as actividades gratuítas, lúdico-deportivas, e para todos os públicos do Lugoteand a Guitiriz, en dúas xornadas que se celebrarán mañá e o vindeiro sábado, día 20 de setembro, na praia fluvial de Parga e na área recreativa Sete Muíños, respectivamente. Faino logo do éxito de participación nesta vila chairega o pasado 29 de agosto, que desbordou calquera tipo de previsión. O organismo provincial, que aposta polo lecer ecolóxico como oportunidade económica da provincia, ofrecerá un total de 200 prazas -100 en cada unha das xornadas previstas neste Concello-, para que participen, a custe cero, persoas de todas as idades que non puideron facelo na anterior convocatoria.

A praia fluvial de Parga na xornada de mañá, e a área recreativa Sete Muíños o vindeiro sábado, 20 de setembro, acollerán, entre as 15:00 e as 20:00 horas, as seguintes actividades de lecer, totalmente respectuosas co medio:

  • acuáticas: paddle-surf, que tonifica todos os músculos, xa que para desprazarse pola auga, o navegante, erguido nunha táboa de surf, debe remar; bolas acuáticas, pelotas de plástico transparentes coas que camiñar sobre a auga e canoas, botes puntiagudos cos que desprazarse pola auga.
  • terrestres: patinetes, inchables ou gyroboard, un monopatín estático co que realizar diversos xiros e manobras.

Os interesados poden inscribirse in situ, xusto antes de dar comezo ás actividades. Coma sempre, a participación é totalmente gratuíta.
Deste xeito, a Deputación pon punto final á quinta tempada desta programación, cofinanciada nun 80% por fondos europeos a través do programa Lug02.  Logo destes anos, xa son preto de 6.000 os lucenses que tomaron parte nesta iniciativa coa que a institución luguesa ofrece unha alternativa para impulsar a economía ó mesmo tempo que desestacionaliza o turismo e conciencia acerca do valor da riqueza medioambiental da provincia.