Deputación de Lugo

A Deputación convoca mañá ós veciños do partido xudicial de Monforte para elaborar os orzamentos participativos

Imaxe deputación de lugo
- A asemblea terá lugar no Centro do Viño, ás 20:30 horas. Poden participar maiores de 16 anos empadroados nos concellos de Monforte, Bóveda, O Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober - Os asistentes cubrirán unhas fichas nas que opinarán e elixirán cales deben ser, baixo o seu criterio, as áreas prioritarias do presuposto provincial do 2015 en base a 12 temáticas - Os veciños dos 67 concellos da provincia poden participar ata  o 10 de setembro na elaboración dos presupostos a través de internet, en www.orzamentosparticipativos.org

A Deputación de Lugo convocou para mañá martes, unha xuntanza cos veciños do partido xudicial de Monforte, para elaborar os orzamentos participativos do 2015, os primeiros dun organismo provincial en España. A asemblea terá lugar no Centro do Viño, ás 20:30 horas, e poderá participar calquera persoa maior de 16 anos de idade empadronada no propio municipio monfortino e nos de Bóveda, O Courel, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober.
 
Continúan deste xeito as asembleas que a institución está a organizar por toda a provincia co fin de recoller as propostas e opinións dos veciños de cara á elaboración duns orzamentos nos que, por primeira vez, os lucenses teñen voz.
 
O encontro desenvolverase do seguinte xeito:
- Haberá unha introdución, na que se dará conta do contexto xeral do orzamento da Deputación (de onde proceden os ingresos; a donde van os gastos ou a evolución da débeda); e farase un balance sobre a relación do organismo provincial co partido xudicial correspondente.
- Abrirase un período de intervencións para que os cidadáns expoñan os problemas do seu Concello ou para que fagan propostas e suxerencias. Entregaranse unhas fichas de participación cidadá para que cada veciño opine e elixa cales deben ser, baixo o seu criterio, as prioridades do orzamento da Deputación no seu partido xudicial en base as seguintes 12 áreas de actuación: fomento do emprego; promoción de novas tecnoloxías; desenvolvemento de políticas sociais; igualdade; coidado do medio ambiente; promoción de actividades económicas; infraestruturas; cultura; cooperación cos Concellos; promoción de políticas demográficas; fomento do deporte e impulso do turismo. Elixirán un máximo de 3 áreas de actuación, puntuándoas do 1 ó 3, sendo 1 a puntuación máis alta, é dicir, a área que se considera prioritaria.
- Os veciños cubrirán ditas fichas, engadindo os datos persoais, e garantindo a súa protección, co fin de corroborar a identidade dos participantes. Para garantir esta premisa, na ficha incluirase unha declaración xurada, onde o cidadán manifesta que reside no municipio que indicou e que a súa participación é para dito Concello. Os cidadáns recibirán un resgardo oficial, acreditando a súa participación.

Os seguintes pasos
Ata o 10 de setembro, os veciños opinarán sobre as súas prioridades. En base ó que manifesten, unha comisión técnica da Deputación será a encargada de realizar un informe sobre a súa viabilidade, deseñar os plans de actuación, determinar a dispoñibilidade orzamentaria ou estudar as colaboracións con outras administracións. Á volta do verán, comunicarase a todos os participantes as conclusións finais cos plans de actuación por áreas. Todo isto, para que o 1 de xaneiro, tal e como sempre fai o Goberno Provincial, entre en vigor o orzamento de 2015, o primeiro participativo dunha Deputación en España.