Deputación de Lugo

30 cativos participan na segunda quenda dos Obradoiros de Artesanía Infantís para o Verán

- Estas xornadas gratuítas, que se desenvolverán ata o día 28 de xullo,  amósanlle os nenos de entre 5 e 14 anos, a importancia da reciclaxe e dos recursos naturais, ademais de inicialos nos malabares e no scrapbooking: unha orixinal técnica de decoración- Do 18 ó 29 de agosto 45 nenos participarán na terceira quenda destes cursos didácticos, englobando obradoiros de contos reciclados, de bonecos de pompóns de lá, de graffiti, de contos ilustrados e animación; de scrapbooking e de malabares

A Deputación puxo en marcha 4 novos cursos gratuítos da programación infantil do Centro de Artesanía e Deseño para o verán, que se están a desenvolver nas instalacións do CENTRAD e se prolongarán ata o luns 28 de xullo. Estes obradoiros didácticos comezan coa totalidade de prazas dispoñibles cubertas, sendo 30 os cativos que participan, confirmando o interese dos pequenos e das súas familias por aprender dun xeito orixinal e diferente as técnicas propias dos oficios tradicionais.

Os pavillóns do Centro de Artesanía e Deseño acollen os seguintes cursos:

  • “Crear e Reciclar”, dirixido a nenos de entre 5 e 8 anos: para concienciar os máis pequenos sobre a importancia da reciclaxe e das boas prácticas medio ambientais. Neste curso son os nenos os que deciden a temática diaria sobre a que traballar empregando materiais de refugallo.
  • “Contos reciclados”, para cativos nados entre o 2006 e o 2009: esta actividade achégalles ós nenos a divulgación e conservación dos recursos naturais da provincia empregando o conto como ferramenta. Cada día preséntase un conto e traballan os seus contidos con variadas actividades.
  • “Iniciación os malabares”, destinado ós mozos con idades comprendidas entre os 9 e 14 anos: os rapaces aprenden a construír elementos como paus chinos ou pelotas e facer malabares con eles.
  • “Iniciación ó scrapbooking”: os rapaces nados entre o 2000 e 2005 empregando tesoiras, cola de pegar, cartolina, lazos ou tinta de estampación, compoñen tarxetas de felicitación, banderolas ou caixas de regalo.

En canto ó horario, as actividades darán comezo ás 09:00 horas e prolongaranse ata as 14:00 horas.

Terceira quenda, 6 obradoiros e 45 cativos
Uns 45 nenos terán a oportunidade de participar na terceira quenda destes obradoiros de verán, que albergan as instalacións do Centro de Artesanía e Deseño na lucense Travesía de Chantada, do 18 ó 29 de agosto, tamén en horario de 09:00 a 14:00 horas.

Os obradoiros para os nenos nados entre o 2006 e 2009 son:

  • “Bonecos de pompóns de lá”: empregando lá de diferentes grosores e cores, e outros obxectos reciclados, os nenos confeccionarán os seus propios bonecos.
  • “Contos reciclados”.

Para os cativos nados entre o 2004 e 2006, as actividades formativas serán:

  • “Grafitti”: os nenos aprenderán coñecementos de pintura con spray que logo poñerán en práctica sobre paneis DM.
  • “Conto ilustrado e animación”: nestes caso, os cativos partirán dunha historia para deseñar un álbum ilustrado empregando materiais como papel, plastilina ou cartolina.

Finalmente, os nenos nados entre o 2000 e 2003 terán obradoiros de “Iniciación ó scrapbooking” e “Iniciación ós malabares”.