Deputación de Lugo

Gómez Besteiro promociona a Ribeira Sacra e os produtos autóctonos de calidade na 20ª edición do San Froilán de Barcelona

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente da Deputación participou na cita organizada no distrito de Nou Barris pola Asociación de Amigos do San Froilánde Barcelona, coa que colabora o organismo provincial - O autobús da campaña de recollida de sinaturas e un stand con productos da gastronomía lucense, no que haberá degustacións gratuítas, estarán toda a fin de semana na Praza Maior do distrito   -Gómez Besteiro agradeceu aos organizadores o seu “inestimable labor de promoción de Lugo e Galicia” e por facer posible que “vinte anos despois, a celebración desta festa sexa a celebración dos nosos nexos de unión”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou un ano máis, xunto a milleiros de galegos residentes en Barcelona e autoridades locais, entre as que se atopaba o Alcalde da cidade, Xavier Trías, nos actos do San Froilán de Barcelona, que acolle por vixésimo ano consecutivo o distrito de Nou Barris. Esta celebración, nacida no ano 1995 grazas ó esforzo de tres empresarios lucenses residentes en Barcelona, tense convertido en cita obrigada no calendario festivo da Cidade Condal. De feito, entre 40.000 e 50.000 persoas adoitan reunirse en cada edición no distrito de Nou Barris, nos que residen uns 150.000 galegos, facendo do San Froilán catalán a segunda festa máis importante da capital barcelonesa, tan só superada pola tradicional Merced.

Na súa intervención, Gómez Besteiro agradeceu aos integrantes da Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona “polo seu inestimable labor de promoción de Lugo e Galicia que levan a cabo con tanto agarimo; e a todos e cada un dos que teñen feito posible que vinte anos despois, a celebración desta festa sexa a celebración dos nosos nexos de unión”.

Promoción da Ribeira Sacra
Nesta ocasión, a Deputación quixo aproveitar a enorme afluencia de público que se reúne durante os tres días de duración dos festexos para promocionar a Ribeira Sacra e os produtos autóctonos de calidade da provincia. Así, o autobús insignia da campaña de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade chegou onte a Barcelona para permanecer ata o día 5 na Praza Maior de Nou Barris para continuar coa recollida de sinaturas, que xa ten sumado o apoio de máis de 40.000 persoas.

Precisamente, a Deputación puxo en marcha esta campaña o 8 de outubro de 2013, durante os días das festas patronais na capital luguesa. Tal e como destacou Gómez Besteiro, “que mellor lugar para celebrar o primeiro aniversario desta campaña que no outro San Froilán con maiúsculas”. O Presidente animou aos asistentes a deixar a súa sinatura en apoio da candidatura, porque ao igual que a Muralla Romana de Lugo; o Camiño de Santiago; a Torre de Hércules; o centro histórico de Santiago de Compostela, “ou os nove edificios barceloneses que contan con esa distinción, “a Ribeira Sacra merece ser Patrimonio da Humanidade”.
O autobús permanecerá aberto durante toda a fin de semana, en horario de 11:00 a 14:30 horas e de 17:00 a 22:30 horas, e nel tamén haberá diferente material informativo sobre a provincia, con especial atención á Ribeira Sacra.

Para contribuír á promoción da provincia, o Presidente da Deputación entregou á Asociación de Amigos do San Froilán de Barcelona diferente material audiovisual sobre as Reservas da Biosfera lucenses, así como doutros elementos representativos da riqueza patrimonial e cultural da provincia.

Promoción dos produtos autóctonos
Xunto ao autobús da campaña, a Deputación instalou un posto de promoción dos produtos autóctonos de calidade, que durante todo o día ofreceu degustacións gratuítas de produtos como embutidos variados, doces e licores, que acadaron un grande éxito, e que continuarán mañá. O Presidente animou aos asistentes a mercar, tantos estes como outros de máis de 350 produtos e servizos dispoñibles na plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, á vista de que foron moitos os asistentes que solicitaron información sobre a posibilidade de mercalos de xeito habitual.