Deputación de Lugo

“Desmontadas as mentiras de Feijóo”, a Deputación esixe á Xunta a inmediata retirada da suba nun 34% do canon de Sogama

- Fronte ás perdas millonarias que predecía o Goberno galego, a reforma enerxética reportará a Sogama novos ingresos de 18 millóns de euros ó ano - Tal e como reflicte o balance de contas, esta Sociedade tivo no 2013 un 85% menos de perdas que as calculadas polo Executivo autonómico - “O que verdadeiramente perseguía Feijóo con esta suba era liquidar a débeda de Sogama cos seus accionistas -Xunta de Galicia e Gas Natural Fenosa- con cartos dos veciños”

“Desmontadas as mentiras do Goberno de Feijóo” sobre o incremento do canon de Sogama, o Executivo de Gómez Besteiro leva unha moción ó Pleno Provincial deste martes coa que a Deputación de Lugo esixe de novo á Xunta de Galicia a inmediata retirada da suba nun 34% desta taxa. 

1º MENTIRA: “Como consecuencia da retirada de primas ás enerxías renovables por parte do Executivo Central, o Goberno de Feijóo predecía en marzo do 2013 perdas millonarias en Sogama. Pola contra, o Conselleiro de Industria, Francisco Conde, desvelou recentemente que a reforma enerxética suporá a Sogama novos ingresos de 18 millóns de euros ó ano”.

2º MENTIRA: “O Goberno de Feijóo calculaba perdas de 4 millóns de euros en Sogama no 2013. Do balance de contas da Sociedade despréndense perdas de pouco máis de 600.000 euros, é dicir, un 85% menos das estimadas pola Xunta”.

“Escudándose en catastrofistas previsións, e optando pola saída máis sinxela para eles e máis prexudicial para os veciños, os populares impuxeron ós Concellos unha suba do 34% no custe do tratamento de residuos. Isto obrigou ós municipios a subir os recibos ós cidadáns ou a asumir o incremento con seus recursos”. 

Verdadeiras intencións da suba
“O que realmente perseguía o Goberno de Feijóo coa suba do canon non era estabilizar as contas de Sogama, senón liquidar a débeda que esta Sociedade mantén cos seus propios accionistas: Xunta de Galicia, que ten unha participación do 51%; e Gas Natural Fenosa”.

Esta débeda ascendía a finais do 2013 a 25.729.329 euros de capital e 2.822.988 euros de intereses. É froito de dous préstamos subordinados por Sogama con Xunta e Gas Natural Fenosa, sobre os que o Tribunal de Contas emitiu un informe contrario no 2004, recomendando a ampliación de capital e non a fórmula do préstamo co fin de evitar a creba financeira de Sogama.

“Xerando beneficio, Sogama pode devolver o diñeiro á Xunta de Galicia e a Gas Natural Fenosa, que optaron por esta fórmula para tratar de sacar o maior beneficio posible da mesma e asumiron a mínima inversión pese á chamada de atención e recomendacións do Consello de Contas”.

Acordos
Coa moción que o Goberno de Gómez Besteiro leva ó vindeiro Pleno Provincial, que terá lugar este martes 30 de setembro, propóñense os seguintes acordos:

  • Manifestar o rexeitamento da Deputación de Lugo á suba do Canon de Sogama por estar baseado en datos e previsións erróneas por parte da Xunta de Galicia.
  • Esixir a inmediata retirada da suba do Canon de Sogama e explorar outras vías propostas no Plan Económico-Financeiro, que abaraten a xestión e tratamento dos residuos.
  • Solicitar da Xunta de Galicia que se realice unha avaliación seria e rigorosa a través dunha auditoría externa que recolla a situación económico-financeira real de Sogama e que se poña en coñecemento dos Concellos.