Deputación de Lugo

20 tractores clásicos percorren a Ribeira Sacra en Lugo para apoiar a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade

- Fixérono na I Ruta en Tractor Clásico Ribeira Sacra, organizada pola Asociación Galega de Amigos de Maquinaria Agrícola Clásica, coa colaboración da Deputación de Lugo -Partiron ás 10:00 horas dende Sober, visitaron varias bodegas da Ribeira Sacra e remataron o percorrido ás 22:00 horas en Chantada. O tractor máis antigo que participou nesta iniciativa foi un Zetor 25k, fabricado no ano 1947 na República Checa - A Deputación de Lugo ten en marcha dende outubro unha campaña de recollida de sinatura en apoio á candidatura da Ribeira Sacra. Máis de 40.000 persoas asinaron xa nos libros oficiais da UNESCO

Uns 20 tractores clásicos dos anos 50 e 60 percorreron este domingo a Ribeira Sacra en Lugo para apoiar a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Fixérono na I Ruta en Tractor Clásico Ribeira Sacra, organizada pola Asociación Galega de Amigos de Maquinaria Agrícola Clásica (AGAMAC), coa colaboración da Deputación de Lugo. Pilar García Porto, Deputada de Economía, Recadación e Facenda, sumouse a esta ruta, que arrancou ás 10:00 horas dende o Concello de Sober.

“Só a suma e a unidade nos levará ó éxito: acadar a declaración da Ribeira Sacra. Por iso, temos que implicar a cantos máis mellor, levando a cabo iniciativas coma esta ruta ou a campaña de sensibilización cidadá que estamos a desenvolver dende a Deputación de Lugo. García Porto fixo referencia, deste xeito, á campaña de recollida de sinaturas, que puxo en marcha a institución luguesa en outubro, conseguindo, dende entón, que máis de 40.000 persoas asinasen nos libros oficiais da UNESCO en apoio á candidatura da Ribeira Sacra. 

Tras xuntarse en Sober, os participantes nesta ruta de tractores clásicos fixeron un percorrido por algúns dos Concellos lugueses que integran a Ribeira Sacra. Estes son un total de 13: A Pobra do Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda.

Ademais, visitaron varias bodegas (Adega Moreiras, Adega Abadía da Cova, Adega Vía Romana...). Remataron o percorrido ás 22:00 horas na praza de Chantada.

O tractor máis antigo que participou nesta iniciativa foi un Zetor 25k fabricado no ano 1947 na República Checa.