Deputación de Lugo

30 persoas aprenden a facer xamón cocido de pescado grazas ó curso financiado pola Deputación

- A institución asinou un convenio coa USC co que se descubriu un novidoso método de aproveitamento de merluza e bonito para crear produtos que ata o de agora non existían - Méndez salientou que “Lugo é a provincia que máis capturas ten en bonito do norte e merluza, o que demostra o potencial económico que ten o sector pesqueiro en Lugo e a súa importancia en Galicia” - O prazo de inscrición para o curso gratuíto, dirixido a desempregados e traballadores do sector do mar, xa está aberto no teléfono 982-260-055. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude

 A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, xunto á Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o profesor de Tecnoloxía dos Alimentos da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Vázquez, e o xerente do Porto de Celeiro, Eduardo Rodríguez, presentou, nun acto que tivo lugar este martes nas instalacións portuarias de Viveiro, o curso Desenvolvemento de novos produtos pesqueiros, financiado por completo pola Deputación de Lugo dentro dun convenio de colaboración coa USC, asinado en xaneiro, e que contou cunha achega provincial de 30.000 euros.

Este plan serviu para incentivar a investigación de produtos pesqueiros e servirá para que 30 desempregados e persoal relacionado co sector do mar aprendan, a través de dous obradoiros, técnicas e formas de autoemprego novas a través da creación de produtos derivados do bonito e da merluza. Con esta iniciativa, o organismo provincial aposta pola investigación para crear emprego, xerar riqueza e fixar poboación, impulsando ademais a investigación e o desenvolvemento en sectores punteiros como o do mar.
 
A Vicepresidenta salientou que “o sector da pesca en Lugo é unha fonte de creación de emprego e riqueza importante, xa non só para a provincia senón para toda Galicia pois estas dúas lonxas lucenses produciron neste 2014, só coas vendas de bonito do norte e merluza, ó redor 57 millóns de euros”. Méndez subliñou tamén que estes dous Concellos están á cabeza nas capturas destas especies, pois estes dous portos representan a nivel galego o 70 % das capturas de bonito do norte e o 66 % de merluza”

Pola súa banda, a Alcaldesa de Viveiro amosou a súa satisfacción ante o feito de este curso se celebre en Viveiro, xa que “é innegable a importancia das lonxas da Mariña no sector do mar e pesqueiro”. O Porto de Celeiro está á cabeza na comercialización de merluza: neste 2014 vendeu xa preto de 7 toneladas, seguido polo de Burela, con algo máis de 6. O mesmo sucede co bonito, pois Burela é a lonxa que maior cantidade de bonito vendeu, chegando case ás 2 toneladas, e a de Celeiro a terceira, con 315.752 quilos comercializados, o que demostra “o gran peso que ten este sector no Concello, na provincia e en toda Galicia” salientou María Loureiro.

Manuel Vázquez agradeceu á Deputación o apoio neste tipo de iniciativas que “supoñen a aplicación práctica na sociedade das investigacións nacidas na Universidade, a aplicación do coñecemento para xerar emprego”.

Programación do curso
A través desta iniciativa, a Deputación de Lugo, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá a 30 persoas a posibilidade de aprender os pasos para obter derivados do bonito e da merluza para crear, dese xeito, novos produtos a partir do músculo destes peixes, como por exemplo xamón cocido. Grazas ó convenio asinado, os investigadores descubriron a maneira de crear alimentos reestruturados que antes non existían.

O curso celebrarase nos Portos de Burela e Celeiro durante o vindeiro mes de outubro. Este obradoiro celebrarase en varias xornadas diferentes; no Porto de Celeiro do 30 de setembro ó 3 de outubro, e na sede da Asociación de Armadores de Burela, do 7 ó 10 de outubro, entre as 16:00 horas e as 20:00 horas. No curso, completamente gratuíto para os 30 participantes, hai programadas sesións teóricas e prácticas nas que se tratarán temas como a preparación de produtos reestruturados de merluza e bonito e as súas características; a manipulación de alimentos; a composición química do peixe ou os aditivos empregados no proceso tecnolóxico de reestruturación do peixe.

Inscricións para o curso
O prazo de inscrición para participar no curso gratuíto teórico-práctico Desenvolvemento de novos produtos pesqueiros, está aberto no teléfono 982-260-055. Nos obradoiros poderán participar un total de 30 desempregados ou persoas reaccionadas co sector do mar, 15 por cada Concello. As inscricións formalizaranse por rigorosa orde de solicitude.