Deputación de Lugo

A arte da panadería romana cobra vida na nova exposición do CENTRAD

- Lara Méndez  inaugurou a mostra Panem Romanorum que reúne, por primeira vez en Galicia, medio cento de pezas en 5 escenas diferentes - A mostra permanecerá aberta ata o 30 de novembro no pavillón 4 do CENTRAD no horario habitual: de luns a venres, de 09:00 a 19:00 horas. A entrada é gratuíta

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, inaugurou este martes a nova exposición do Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), “Panem romanorum. Artesanía do Pan na Antiga Roma”, unha mostra gratuíta que, por primeira vez en Galicia, reúne medio cento de pezas relacionadas coa arte da elaboración do pan romano.

No acto da presentación estivo presente ademais o coordinador da exposición, Juan García, membro tamén da Cohors III Lucensium, unha das asociacións de recreación histórica máis activa no Arde Lucus. O organismo provincial colabora unha vez máis con este colectivo, nado en 2007, despois de realizar a gravación do videoclip do himno oficial do Arde Lucus e do seu patrocinio a través da Fundación TIC.

A Vicepresidenta destacou que “esta exposición é unha oportunidade única para coñecer a importancia que tivo o pan e as panaderías na Antiga Roma, relevancia que chega ata os nosos días. A civilización romana, como non pode ser doutro xeito, está moi presente non só en Lugo, senón tamén na Deputación e no CENTRAD. O Arde Lucus, Festa de Interese Turístico de Galicia e referente no calendario galego en apenas 10 anos, é moito máis que unha festa xa que, grazas os traballos de recreación histórica que están a realizar asociacións como a Cohors, coñecemos a verdadeira vida cotiá dos habitantes de Lucus Augusti”. Méndez subliñou ademais o compromiso que ten a Deputación cos oficios artesanais dentro da súa aposta pola artesanía como sinal de identidade e atractivo da provincia para xerar riqueza.

Medio cento de pezas en 5 escenas
O pavillón 4 do Centro de Artesanía e Deseño, centro dependente da Deputación, acolle estra mostra, que recolle medio cento de pezas moi variadas en cinco escenas claramente diferenciadas:

  • A panadería romana: neste espazo mostraranse diversos utensilios importantes para os panadeiros romanos, coñecidos como pistoris. Cribas con fondos de coiro e de madeira, balanzas romanas, distintas ánforas e recipientes cerámicos, unidades de medida da época e a súa evolución ata os nosos días, así como un fornus para a cocción industrial do pan son os elementos que engloba esta primeira escena.
  • A evolución dos muíños: Cómo converter o gran en fariña? Este segundo espazo responde á evolución dos instrumentos usados para a moenda. O muíño neolítico, o barquiforme, o tipo mortero, o de Olintya, o rotatorio e o pompeiano representan importantes cambios na tecnoloxía da produción da fariña, polo que están presentes nesta exposición.
  • O panis militaris. Fornos portátiles. O relevante desta escena é o clibanus ou thermospodium, fogóns portátiles destinados á cocción do pan en campaña dos soldados romanos.
  • A agricultura. Amosarase a evolución do arado, a aparición da primeira colleitadora automática e unha colección de ferramantas de época. Mención especial merecen as leis para regular a propiedade, os dereitos da terra, os sistemas de rego, a aparición dos abonos e o intento de eliminar os minifundios.
  • A muller e a evolución da produción da fariña. Esta última escena suxiere a realidade social da muller romana relacionado coa tecnificación dos procesos produtivos da fariña.

Horarios da exposición
Panem Romanorum. Artesanía do Pan na Antiga Roma permanecerá aberta ata o 30 de novembro no pavillón 4 do CENTRAD no seu horario habitual: de luns a venres, de 09:00 a 19:00 horas. A entrada é de balde.