A Deputación renova a colaboración co Centro de Innovación do Campus cunha achega de 9.500 euros
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, visitou este venres as instalacións do Centro de Innovación e Transferencia de Tecnoloxía (CITT) de Lugo e ao persoal do centro. Durante a visita, Méndez anunciou a renovación do convenio de colaboración entre ambas entidades. O organismo provincial colabora con este centro da USC na dinamización do sector da innovación tecnolóxica, a investigación e a difusión de coñecementos no medio económico e social cunha achega de 9.500 euros. No acto tamén estiveron presentes o Vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno, o Vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus, Andrés Bareiro, o Vicepresidente de Caixa Rural, Luciano Sánchez, e o Secretario Xeral da CEL, Jaime López.
Méndez destacou que a institución luguesa contribúe a promover as actividades de investigación tecnolóxica e á difusión delas no medio económico e social, favorecendo a interrelación entre as actividades universitarias e as necesidades empresariais, posto que se enmarca dentro da nosa aposta pola educación pública de calidade, pola investigación, o desenvolvemento e a innovación. En épocas de crise non podemos permitir recortes nestas materias, fundamentais para o progreso do país, para crear e impulsar a economía.
Un convenio que perdura no tempo
A Deputación leva preto de 30 anos traballando man con man coa USC e preto de 20 co CITT. Este convenio vense renovando anualmente dende o 1995, cando foi concretada a construcción do CITT co obxectivo de establecer un servizo que relacionara as demandas específicas en materia de investigaciónen xeral, e da investigación aplicada en particular no marco do Campus lugués. A Vicepresidenta sinalou que a confianza establécese con convenios como este que duran no tempo, ao tempo que reiteraba a aposta da Deputación polo I+D+i.