Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo reforza o seu compromiso coas explotacións de leite ante o reto que supón o fin das cotas

 - O Presidente anunciou que no Pleno do martes o PSdeG esixirá a Feijóo que lidere ante o Estado medidas eficaces que garantan o futuro do sector, como a reforma do Paquete Lácteo, implantar a figura do mediador ou a obriga de contratos dun ano - O organismo provincial tamén emprenderá unha campaña informativa sobre a supertaxa para resolver as numerosas dúbidas e incertezas dos produtores - Gómez Besteiro analizou co secretario xeral de UU.AA. e o presidente da Unión Leiteira Galega a situación á que se enfrontan as explotacións ante a liberalización do mercado do leite, e ratificou o seu compromiso de “loitar en favor das reivindicacións dos gandeiros”

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves que o PSdeG levará ao Pleno do vindeiro martes unha moción na que esixe á Xunta e ao Goberno do Estado “catro medidas esenciais” para garantir o futuro das explotacións lácteas ante a fin das cotas, previsto para o 1 de abril do 2015. Fíxoo tras a xuntanza que mantivo co secretario xeral do sindicato Unións Agrarias, Roberto García, e co presidente da Unión Leiteira Galega (ULEGA), José Vence, para abordar precisamente a situación á que se enfrontan os produtores de leite –máis de 5.000 na provincia de Lugo- ante eliminación das cotas e a conseguinte liberalización do mercado.
Para reforzar “máis se cabe” o compromiso de Gómez Besteiro e a institución luguesa coas explotacións leiteiras da provincia, o Goberno provincial esixirá a través da moción plenaria que o Presidente da Xunta lidera fronte ao Goberno do Estado as seguintes medidas:
1ª- A modificación do decreto que desenvolve o Paquete Lácteo para que regule realmente as relacións contractuais entre os produtores e as industrias antes do 1 de decembro deste ano, co fin de que o 1 de xaneiro do 2015 estean operativos os contratos, en tanto que en abril desaparecen as cotas.
2ª.- Que introduza a figura do mediador e fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral, nin impoña contratos á baixa.
3ª.- Que a duración mínima dos contratos sexa dun ano e que se garanta a recollida de todo o leite.
E 4ª.- Que o Orzamento autonómico do 2015 destine unha partida suficiente para poñer a disposición dos gandeiros este ano polo menos a metade das terras que actualmente están abandonadas en Galicia -400.000 hectáreas-, así como fórmulas que impidan a replantación das terras agrarias co obxectivo de abaratar os custes de produción.

Estas reivindicacións coinciden plenamente coas que están a facer os gandeiros galegos a través de Unións Agrarias e ULEGA, organización que agrupa a uns 500.000 produtores galegos, tal e como confirmaron Roberto García e José Vence.   

O Presidente avanzou así mesmo que a Deputación emprenderá unha campaña informativa por toda a provincia “co fin de resolver as numerosas dúbidas que teñen os gandeiros sobre a supertaxa”, é dicir, as multas ás que poden enfrontarse máis de 6.500 gandeiros de toda Galicia por superar a produción que teñen permitida coa actual cota, e que só na provincia de Lugo poden chegar aos 15 millóns de euros. “Recomendarémoslles así mesmo -como está a facer Unións Agrarias- que a finalización do contrato lácteo coa industria non coincida coa data na que desaparecen as cotas -o 1 de abril de 2015- para evitar o risco de quedar sen garantía de recollida e sen prezo para o leite”, explicou Besteiro.
“Somos un aliado dos gandeiros”
Con estas dúas iniciativas, subliñou o Presidente, a Deputación comprométese de novo coas necesidades dos gandeiros. “Fomos o seu aliado para reclamar un reparto xusto e equitativo das axudas da PAC; esixir medidas a longo prazo que garantan prezos dignos para o leite, nunca por debaixo dos custes de produción; ou o mantemento de todas as liñas de axudas aos gandeiros”, destacou Gómez Besteiro.

A Deputación apoia tamén ao sector para que sexa máis competitivo, engadiu o Presidente, “con proxectos como o 1º centro de recría de gando vacún de España; o plan pioneiro de axudas para a recuperación de terras abandonadas que temos en marcha; a 1ª escola pública de horticultura ecolóxica de Galicia que abrimos no Valadouro; a plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com coa que abren mercados vendendo os seus produtos en toda España; ou o plan de emprego Fórmate en Verde”
Agora, ante un dos retos do sector máis importantes nos últimos anos, como é a desaparición das cotas lácteas e a ameaza da supertaxa, “reforzamos máis se cabe o noso compromiso e volvemos a loitar en favor das súas reivindicacións”, indicou Besteiro.
Agradecemento
Pola súa banda, o secretario xeral de UU.AA. e o presidente de ULEGA agradeceron ao Presidente da Deputación a súa “rapidez e sensibilidade”, pois foi o primeiro en contestar á solicitude de xuntanzas que ambas organizacións están a facer a representantes institucionais, de partidos políticos e sindicatos co fin de recoller apoios para as súas demandas.
“Estamos nun momento clave”, subliñou Roberto García, que esixe reformar o Paquete Lácteo, dado que nos dous anos que leva en vigor quedou demostrado que non se cumpre. Neste senso, García apuntou que 2.000 gandeiros en España non teñen ningún contrato coa industria, “a pesar da obriga legal, e de que a Xunta e o Goberno teñen a obriga de paralizar esas partidas”. Ademais, o 25% dos contratos firmados nestes dous anos incumpriron a obriga de ter unha duración mínima de 12 meses.
Roberto García explicou que, coa eliminación das cotas, “cada produtor pode producir o leite que queira, pero tamén a industria pode recoller o que queira, polo que parece lóxico regular o volume de leite a producir xa sen cotas”.