Deputación de Lugo

O BOP publica mañá as bases do plan BEN EMPREGADO! da Deputación de Lugo  

Imaxe deputación de lugo
- O martes abrirase un prazo de 15 días hábiles para que entidades e colectivos da provincia presenten os seus proxectos de futuro co persoal que necesitan para levalo a cabo - En febreiro celebrarase a convocatoria pública de selección de desempregados dos 67 Concellos que serán contratados con subvencións da Deputación de ata 22.000 euros - Crearanse un mínimo de 300 emprego de calidade, ao blindar coas cláusulas sociais os dereitos laborais dos novos traballadores

O Boletín Oficial da Provincia publicará mañá, luns 22 de decembro, as bases do BEN EMPREGADO!, o novo plan de emprego da Deputación, no que inviste 5 millóns de euros para subvencionar a contratación durante 1 ano dun mínimo de 300 desempregados lucenses dos 67 Concellos lucenses en establecementos, empresas ou colectivos da provincia que necesitan novo persoal para impulsar a súa actividade, pero que requeren de axuda económica para poder facelo neste momento. Toda a información e os modelos de inscrición estarán mañá en www.deputacionlugo.gal. Máis detalles no 982-260-000.

BEN EMPREGADO! é un plan pioneiro na defensa dos dereitos dos traballadores a través de cláusulas sociais nos contratos que blindan os empregos e as condicións laborais e salariais dos traballadores. Trátase, ademais, dunha programación innovadora, posto que por primeira vez unha administración galega crea un plan de emprego que escoita ao tecido empresarial e asociativo, axustando a oferta de emprego á demanda.

O martes, 23 de decembro, abrirase un prazo de 15 días hábiles para que pequenas empresas e  microempresas, empresarios individuais e profesionais, comunidades de bens e sociedades civís, asociacións, federacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro (todas elas lucenses), presenten proxectos de futuro sobre a súa actividade socioeconómica, detallando o número e o perfil de persoas que desexarían contratar para levalo a cabo, a súa función ou vinculación coa empresa...

A selección de entidades e colectivos, que será en réxime de concorrencia competitiva, atenderá, principalmente, a criterios sociais. Estes son: 1.-Entidades cuxo domicilio fiscal se encontre en calquera Concello da provincia de menos de 5.000 habitantes; 2.- Entidades que apliquen claúsulas sociais nos contratos de traballo do seu cadro de persoal ou contemple calquera outra mellora que redunde en beneficio do traballador; 3.- Contar cun programa de horario flexible; 4.-Ofrecer bolsas de estudo, plan de pensións, seguros médicos; 5.- Favorecer medidas de conciliación da vida laboral e familiar; 6.-Calidade da memoria-proxecto e adecuación ao programa; 7.- Entidades atendendo ao cadro de persoal, “en impulso a autónomos e PEMES”.

En cumprimento coa Lei de Subvencións, non poderán participar entidades declaradas en concurso, que non estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social, que teñan a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado como paraíso fiscal, ou que estean sancionadas mediante resolución firme coa perda de obter subvencións. Tamén quedarán excluídas, no caso de despedir de forma improcedente a algún traballador, como mínimo, nos seis meses anteriores á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes do BEN EMPREGADO!. 

Segunda fase
Será en febreiro cando arranque a segunda fase do BEN EMPREGADO! coa celebración dunha convocatoria pública de selección de desempregados lucenses dos 67 Concellos de Lugo que serán contratos nas entidades e colectivos seleccionados na primeira fase do plan.

Crearanse un mínimo de 300 novos empregos, cifra que dependerá da oferta real de emprego. Serán empregos de calidade, posto que os contratos estarán blindados con claúsulas sociais para que se cumpran os convenios do sector. Na selección de entidades e colectivos participantes tamén se valorarán as melloras.

A Deputación subvencionará con 5 millóns de euros todos os seus custes salarias (nóminas e cotización á Seguridade Social) durante 1 ano. Na selección de entidades e colectivos valorarase o grao de compromiso das empresas para continuar cos contratos logo da axuda económica da institución. 

O organismo provincial concederá ata un máximo de 22.000 euros por traballador, a maior axuda que concede unha administración galega para a contratación de persoal.