Deputación de Lugo

O impacto dos sete anos de crise, a análise no derradeiro encontro de Galicia en clave económica

Imaxe deputación de lugo
- Deputación e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, organizan a última xornada da segunda edición deste ciclo mañá xoves 18, ás 20:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos -Fernando González Laxe, Santiago Lago Peñas e Xoaquín Fernández Leiceaga serán os expertos que analizarán os efectos e as consecuencias desta crise, a máis duradeira do capitalismo tras a Gran Depresión

A Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, celebrarán mañá xoves, 18 de decembro, ás 20:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o derradeiro debate da segunda edición do ciclo Galicia en clave económica, que, dende o pasado ano vén xuntando aos mellores expertos para analizar a situación socioeconómica de Galicia e os retos de futuro que se lle presentan.

Balance de sete anos de crise é o derradeiro debate, de asistencia gratuíta, no que se someterá a análise, dende diferentes puntos de vista, o impacto, os efectos e as consecuencias dos sete anos de crise; a máis duradeira do capitalismo se se excpetúa a Gran Depresión dos anos 29. Na xornada tamén se dará conta da situación actual e do posible inicio de recuperación, nun momento no que os indicadores marcan un crecemento positivo.

Estes aspectos serán debatidos polos expertos participantes, que nesta ocasión serán:

  • Fernando González Laxe, ex presidente da Xunta de Galicia e de Portos do Estado. Catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña, combina o seu labor nesta universidade e no Instituto de Estudios Marítimos cunha intensa actividade analítica.
  • Santiago Lago Peñas é Catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e director deste mesmo departamento nesa universidade. Dirixe o Foro Económico de Galicia.
  • Xoaquín Fernández Leiceaga, Doutor en Ciencias Económicas e director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da Universidade de Santiago.

Coma en anteriores ocasións, o debate estará aberto ó público e a asistencia e gratuíta e libre ata completar aforo.

7 localidades para analizar o futuro económico en Galicia
O ciclo Galicia en clave económica recorreu nas dúas edicións rincóns da xeografía luguesa para analizar o futuro económico de Galicia. Neste 2014 os debates tiveron lugar en Lugo, Viveiro, Ribadeo, Vilalba, Monforte de Lemos, Chantada e A Fonsagrada; onde se abordaron temas tan problemáticos como a sangría demográfica ou o incerto futuro do sector forestal, así como outros asuntos como o desenvolvemento da marca Galicia ou os retos do turismo e do sector vitinícola.