Deputación de Lugo

Coas nosas mans. Traballos realizados no CENTRAD  encherá de artesanía a Capela de Santa María durante un mes

- Regina Polín inaugurou estra mostra, que amosa máis de 50 pezas elaboradas polos mestres dos 6 obradoiros do centro de artesanía e polos seus alumnos - Entre as pezas que se exhiben destacan mobles medievais, instrumentos musicais recuperados, encuadernacións, xogos de madeira e traxes tradicionais e de época - A exposición poderase visitar ata o 9 de decembro, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este venres a exposición Coas nosas mans. Traballos realizados no CENTRAD, que acolle a Capela de Santa María. Esta mostra multidisciplinar recolle máis de 50 pezas artísticas elaboradas artesanalmente polos mestres dos 6 obradoiros do CENTRAD –moble artesán, arquivo e documentación musical, traxe tradicional, libro, tapizaría e cestaría- e os seus alumnos nos últimos anos.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                             

Durante o acto de inauguración, no que tamén estiveron presentes os autores das pezas expostas, Regina Polín fixo fincapé no traballo que se desenvolve nos talleres de elaboración propia do CENTRAD e dos seus artesáns “en prol da conservación, proteción e promoción do  sector da artesanía”. A Deputada incidiu no compromiso da Deputación, non só cos artistas lugueses senón cos de toda Galicia, que contan coa Capela de Santa María, espazo referente no circuito artístico da provincia, para expoñer as súas creacións”. Polín tamén insistiu no dobre obxectivo que cumpre este espazo: dar a coñecer aos artistas e amosar a súa arte. “Os lugueses merecen coñecer o traballo que realizamos no CENTRAD”, concluíu.

Medio centenar de pezas confeccionadas en 6 obradoiros
Coa mostra Coas nosas mans. Traballos realizados no CENTRAD, a institución provincial reúne e recompila os traballos realizados nos últimos anos nos 6 obradoiros do Centro de Artesanía e Deseño en mans dos mestres de cada taller e dos seus alumnos. Entre as pezas que se poden ver na exposición atópase o barguenho das Santas, un moble medieval con debuxos de mulleres espidas, pintado por Murado, quen exhibiu as súas esculturas, pinturas e mobiliario fai uns meses na Capela de Santa María; unha árbore de vimbio, instrumentos musicais recuperados, como a zanfona ou unha arpa; encadernacións, o tradicional xogo da rá tallado en madeira ou un traxe romano, inspirado nas chamadas togas pictas, de cor púrpura, empregado nun principio polos xenerais do exército romano, que logo adoptaron algúns emperadores, que luciu o propio presidente da Deputación este pasado Arde Lucus.

A exposición poderase visitar ata o 9 de decembro, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.