Deputación de Lugo

A Deputación agarda, dende hai máis dun ano, pola documentación da piscina de Sarria  

Imaxe deputación de lugo
- A institución provincial solicitou ata en 4 ocasións ao Concello información imprescindible para poder retomar estas actuacións. Nunca recibiu resposta - O organismo provincial mantén o seu compromiso con estas obras de xustiza polo que pide ao municipio sarriano a máxima axilidade

A Deputación de Lugo leva máis dun ano esperando pola documentación que debe presentar o Concello de Sarria para poder comezar coas obras da piscina cuberta deste municipio lucense. O organismo provincial enviou ata en 4 ocasións escritos ao municipio sarriano. Concretamente, nas seguintes datas: 4 de novembro de 2013; 16 de xaneiro de 2014; 7 de abril de 2014 e 9 de maio de 2014. A institución provincial nunca recibiu resposta.

Nestes requirimentos, a Deputación solicitou ao Concello certificacións sobre medicións; modificacións das melloras de obra ou a xustificación da execución do Plan de Comunicación, entre outros. Do mesmo xeito, nestes escritos, o organismo provincial informou ao Concello que, unha vez enviada toda a documentación requirida, é preciso que facilite o acceso ao lugar das obras a fin de realizar as comprobacións necesarias. Tamén lle solicitou que fixara unha data para a recepción e entrega destas obras.

O organismo provincial mantén o seu compromiso con esta actuación cumprindo coas petición dos veciños. A Deputación pide a máxima axilidade ao Concello de Sarria para poder rematar, dunha vez por todas, estas obras de xustiza.