Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo financia o ambicioso plan de reordenación do tráfico de Viveiro

Imaxe deputación de lugo
- A institución provincial luguesa aporta 185.000 euros para a mellora do tráfico rodado e a accesibilidade do casco histórico en actuacións que se levarán a cabo ata en sete zonas - Gómez Besteiro destacou que “a Deputación dá resposta a unha vella reivindicación dos veciños de Viveiro, presente tamén nas propostas feitas para a elaboración dos Orzamentos Participativos de 2015” - A Deputación tamén aporta outros 45.000 euros para a organización de actividades de dinamización cultural ao longo de todo o ano, solicitadas polos veciños nas xuntanzas de orzamentos participativos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, deron conta hoxe do proxecto da que será a maior reordenación do tráfico rodado das últimas décadas e que será posible grazas ao financiamento da Deputación de Lugo. No acto, que tivo lugar no propio Concello, Gómez Besteiro destacou que esta reordenación “é moito máis ambiciosa que un simple lavado de cara: trátase de facer de Viveiro unha localidade máis cómoda, moderna e accesible para veciños e visitantes, desconxestionando o tráfico e aumentando a seguridade dos viandantes”.

Este plan de reordenación é unha vella reivindicación dos veciños de Viveiro, e así o manifestaron coas súas propostas para a elaboración dos Orzamentos Participativos de 2015”, os primeiros dunha Deputación en España. Deste xeito, o organismo provincial lugués continúa dando resposta ás peticións concretas que os lucenses fixeron no eido das infraestruturas, ao igual que xa fixo con outras actuacións longamente reclamadas, como o arranxo da estrada que une o Concello lucense de Xermade co coruñés de As Pontes de García Rodríguez ou os accesos ao Pazo de Tor, por citar algúns exemplos.

Valor engagido para o turismo
Gómez Besteiro subliñou que esta reordenación do tráfico rodado en Viveiro, a maior das últimas décadas e cuxas actuacións iniciáronse baixo o mandato do anterior alcalde, Melchor Roel, encamiñada a desconxestionar a circulación de vehículos e peonalizar o casco histórico “contribuirá a revalorizar o atractivo turístico de Viveiro, protexendo e engadindo valor a unha contorna de gran singularidade histórica, ao facilitar o acceso a estes espazos de todos os veciños e visitantes eliminando posibles barreiras arquitectónicas”.

Pola súa banda, a Alcaldesa María Loureiro agradeceu á Deputación “unha axuda fundamental para que o Concello poida acometer melloras desta trascendencia”. Loureiro destacou a importancia destas melloras, encamiñadas a desconxestionar o intenso tráfico que Viveiro soporta, especialmente nos meses de verán, e conseguir dar un uso practicamente residencia e peonil ao casco histórico de Viveiro, o que repercutirá positivamente no seu atractivo turístico.

Ambicioso proxecto
As actuacións levaranse a cabo en sete zonas diferenciadas. A primeira delas correspóndese co cruce de Verxeles que dá acceso á ITV e á estación de ferrocarril, onde se creará unha rotonda que permita xirar a vehículos pesados. Na segunda destas zonas, o cruce de acceso ao casco histórico dende Verxeles, crearase outra rotonda que permita regular o tráfico e o acceso ao casco histórico.

Tamén se actuará na zona próxima á Misericodia, reducindo as dimensións da rotonda e as beirarrúas existentes para mellorar a maniobrabilidade dos vehículos e cambiando a ubicación actual do paso de peóns.

No tramo comprendido entre a Ponte da Misericordia e a rotonda da oficina de turismo aumentarase a dimensións das beirarrúas, soterraranse contenedores de lixo e crearase unha zona de carga e descarga. Nesta mesma zona tamén se reconfigurará a entrada e saída dos vehículos: a entrada realizarase fronte á praza de abastos e a saída pola rotonda da oficina de turismo, cambiarase a ubicación dos pasos de peóns e instalaranse novos semáforos. Na zona da Cruz Roxa tamén se reubicará o paso de peóns cara a saída da ponte e se mellorará a sinalización horizontal e vertical. Finalmente, entre a praza de Lugo e a porta de Carlos V quedará cun só carril en dirección Celeiro. Deste xeito, o espazo do carril eliminado será empregado para crear prazas de aparcamento para o casco histórico.

Estas actuacións irán acompañadas de modificacións na sinalización horizontal e vertical en todas estas zonas. Está previsto que os traballos se leven a cabo nos vindeiros meses para que estean rematados antes do comezo da tempada de verán, meses nos que o tráfico en Viveiro se intensifica notablemente.

45.000 euros para actividades culturais
Por outra banda, no mesmo convenio tamén destaca unha aportación de 45.000 euros para a organización de actividades de dinamización cultural ao longo de todo o ano. Deste xeito, a Deptuación tamén atende ás peticións realizadas polos veciños nas xuntanzas de presupostos participativos, durante as que trasladaron aos responsables provinciais a necesidade de manter actividades capaces de atraer visitantes á Viveiro máis aló da época estival.