Deputación de Lugo

A Deputación ofrece o obradoiro gratuíto para nenos Reciclando Agasallos

Imaxe deputación de lugo
- Esta iniciativa, enmarcada dentro das actividades da área de medio ambiente, ten como obxectivo sensibilizar aos nenos e nenas da provincia sobre a importancia de preservar os recursos naturais  - Reciclando Agasallos servirá para amosar como reempregar o lixo para facer agasallos así como promover unha reflexión sobre as actitudes consumistas fomentadas nestas datas - O prazo de inscrición xa está aberto na páxina www.deputacionlugo.gal na que atoparán un formulario para participar ou no telefono 600-034-907

A Deputación de Lugo, dentro da súa liña de promoción do medio ambiente , ofrece a actividade gratuíta Reciclando agasallos, obradoiro infantil que servirá para amosar técnicas para reempregar o lixo e convertelo en agasallos.

Esta actividade gratuíta está dirixida a 300 nenas e nenos de entre 5 a 12 anos e celebrarase entre os días 22 de decembro e 7 xaneiro no Pazo de San Marcos. Ademais, para estes cursos, hai reservadas prazas para rapaces con necesidades especiais, que contarán cun monitor de apoio.

Durante os obradoiros os participantes poderán inscribirse nun concurso de contos que se publicarán nos perfís das redes sociais do organismo provincial. Os 10 contos máis votados serán valorados por un xurado e poderán optar a gañar unha estadía de fin de semana coa súa familia en Garabullos, con un completo programa de actividades dinamizado pola Asociación Revolta Natural.

A través desta actividade a Deputación aposta por establecer o medio ambiente como un dos factores diferenciadores da provincia ó tempo que crea conciencia sobre os hábitos de consumo e que inflúen de xeito directo ou indirecto, na conservación do patrimonio natural da provincia.

Datas, horarios e inscrición
Este novo obradoiro de Nadal celebrarase nas instalacións da Deputación de Lugo entre os días 22 de decembro e 7 de xaneiro, a excepción dos festivos. Pola semana a sesión transcorrerá de tarde, entre as 16:30 e as 19:30 horas, e os sábado 27 de decembro e 3 de xaneiro así como o domingo 4 de xaneiro, o horario será de mañá, entre as 10:30  e as 13:30 horas. Para inscribirse nesta actividade é preciso cubrir o formulario da páxina www.deputacionlugo.gal na que atoparán tamén información máis detallada de horarios e datas ou no teléfono 600-034-907.