Deputación de Lugo

A Deputación cumpre cos veciños destinando 35 millóns de euros no 2015 a emprego, infraestruturas e políticas sociais


- As tres áreas de actuación que os lucenses marcaron como prioritarias concentran o 87% dos investimentos dos orzamentos, os primeiros participativos dunha Deputación en España
- Gómez Besteiro anunciou que en decembro lanzará un novo plan de emprego de 5 millóns de euros e no 2015 outro por 6,6 millóns, ambos dirixidos a todos os Concellos da provincia   

- A institución reforzou xa este ano os investimentos en infraestruturas con 9,2 millóns e no 2015 dedica outros 11,5 para o POS, dotacións no rural, estradas e o PEIM. Cumpre peticións veciñais co arranxo das vías Friol-Parga e Momán-As Pontes
- O Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, destacou que as partidas para benestar social medran un 30% nuns Orzamentos “pensados para atender á xente e para dotar de servizos e oportunidades ao rural e que mostran unha maneira de facer política oposta á política de recortes está a levar a cabo o PP na Xunta e no Estado”
 

A Deputación de Lugo cumpre coas prioridades marcadas polos veciños para o Orzamento provincial do 2015 destinando preto de 35 millóns de euros a emprego, infraestruturas e políticas sociais, o que supón o 87% dos investimentos recollidos nos presupostos. Así o anunciou este xoves o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, na rolda de prensa na que, acompañado do Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, e a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, presentou os orzamentos da Deputación de Lugo para o vindeiro ano, os primeiros participativos dun organismo provincial en España. O Orzamento mantense nos 89,4 millóns de euros deste 2014 e aséntase sobre tres piares: emprego, infraestruturas e políticas sociais porque “así o decidiron os máis de 55.000 veciños que deron a súa opinión, ben directamente ou a través das 300 asociacións que tomaron parte no proceso de participación que desenvolvemos durante o pasado verán”, explicou o Presidente, que deu as grazas “a todos eles polas súas ideas e propostas”. A Deputación cumpre “co que nos pediron. É máis, xa o estamos a facer este mesmo ano e seguirémolo facendo no 2015”, asegurou Besteiro.

Un 42% dos veciños pediu emprego A Deputación inviste hoxe “370 veces máis en emprego” que cando gobernaba o PP, subliñou o Presidente, quen contrastou tamén o peso que lle da a estas políticas o Goberno provincial e o da Xunta. “Dámoslle prioridade absoluta á creación de emprego porque con postos de traballo recuperamos poboación. Mostra diso é que dedicamos tres veces máis a fomento do emprego que a Xunta, cando non temos as competencias”. Para cumprir coas peticións dos veciños, o mandatario provincial anunciou que en decembro lanzará un novo plan de emprego de 5 millóns de euros dirixido a todos os concellos da provincia e o Orzamento do 2015 consigna outros 6,6 millóns, tamén destinados a todos os municipios lucenses.

Ao mesmo tempo, continúan os tres programas que hoxe están en marcha e benefician a máis de 1.100 persoas.  Ademais de todos estes plans, o Presidente avanzou que a Deputación creará un mínimo de 80 postos de traballo coa posta en marcha no 2015 do 1º centro de recría público de España na Granxa Gayoso Castro e das 6 primeiras residencias e centros de día públicos da terceira idade que constrúe en colaboración cos Concellos. En ambos casos, o organismo lugués “non conta con apoio da Xunta, nin sequera institucional”, afirmou Gómez Besteiro. O vindeiro ano, “seguimos apostando tamén polo emprego de calidade impoñendo cláusulas sociais que blindan os dereitos dos traballadores das empresas que prestan servizo á Deputación”, asegurou o Presidente.

O 15% dos veciños pediu infraestruturas Por iso, a institución provincial reforzou xa este ano os investimentos en infraestruturas con 9,2 millóns de euros dedicados ao arranxo de estradas provinciais e municipais dos 67 concellos da provincia, instalacións e servizos no rural, como traídas de auga e saneamentos. No Orzamento do 2015, as partidas para infraestruturas suman 11,5 millóns de euros. Inclúen: o Plan de Obras e Servizos; un Plan de Infraestruturas Veciñais; o Plan de Conservación dos 4.200 quilómetros de estradas provinciais; e o Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM). A Deputación de Lugo pasou a financiar case o 11% deste programa europeo, mentres a Xunta aporta o 2%. “Nos últimos días, puideron comprobar que acometeremos obras de acondicionamento nas estradas provinciais de Friol a Parga e de Momán ás Pontes. Son froito de peticións veciñais”, destacou Besteiro, quen avanzou así mesmo que, por solicitude dos veciños, “entre outras actuacións, tamén arranxaremos o vial de acceso ao Pazo de Tor, en Monforte, e faremos unha canalización de augas no Saviñao”. O 12% dos veciños pediu políticas sociais, que medran un 30% Ao igual que nas políticas de emprego, a Deputación comezou a investir en servizos sociais co actual Goberno provincial. O Vicepresidente Primeiro, Antonio Veiga, destacou que o orzamento de Benestar social increméntase o vindeiro ano un 30%, pasando de 3,4 millóns de euros neste ano a 4,5 millóns de euros o ano que vén. Por iso, Veiga, responsable da área de Benestar da Deputación, fixo fincapé en que os Orzamentos da institución provincial para o vindeiro ano “van destinados a atender á xente e suplir os recortes que a Xunta de Galiza do señor Feijóo está a facer en materia de servizos sociais e que están a afectar a moitos cidadáns e cidadás da provincia de Lugo”. Dentro das partidas destinadas a Benestar Social destaca a dirixida a Prestación de servizos a persoas dependentes e asistencia social, que alcanza practicamente os 3 millóns de euros, destinados a manter servizos como o de Axuda no Fogar (700.000 euros) e Teleasistencia (350.000 euros), así como 900.000 euros para a construción e posta en marcha de 6 residencias de maiores en toda a provincia: Ribadeo, Castroverde, Trabada, Fonsagrada, Pedrafita do Cebreiro e Pol. “Son uns Orzamentos pensados para atender á xente e para dotar de servizos e oportunidades ao rural e mostran unha maneira de facer política oposta á que está a levar a cabo o PP na Xunta de Galiza”, remarcou Antonio Veiga. No eido das Políticas Sociais, destacan tamén os investimentos en educación, con 1,6 millóns de euros para a única Escola de Imaxe e Son da provincia, que ademais é pública;  300.000 euros para o Campus Universitario e 318.000 euros para a UNED; cultura e museos, con 6,7 millóns de euros; e deporte, con 4 millóns.

656.000 euros para que a colección Álvaro Gil volva ao Museo de Lugo Outra das novidades que destacou o Vicepresidente da Deputación dos Orzamentos do vindeiro ano foi a incorporación dunha partida na área de Cultura de 656.000 euros para lograr que a colección de ourivería prerromana de Álvaro Gil volva ao Museo Provincial de Lugo. Trátase da primeira anualidade desta compra, por valor de 3 millóns de euros. Antonio Veiga destacou que se trata dun “importantísimo patrimonio que está en mans privadas e que debe ser recuperado para todos os lucenses e todas as lucenses” e confiou que este importante legado estea xa de volta no Museo “antes de que remate este ano”. Finalmente, Antonio Veiga destacou que en materia deportiva a partida increméntase en 300.000 euros, até os 3,8 millóns, o que converte á Deputación de Lugo na institución provincial de todo o Estado que máis inviste en deporte por habitante e ano.

Contas estables e saneadas Ademais de cumprir coas demandas dos lucenses, os orzamentos do 2015 son de novo estables e saneados. “Cumprindo co que prometemos, a débeda financeira baixará no 2015 ata os 12 millóns de euros. No 2016 o endebedamento quedará a cero, co que non deixamos lastre económico algún ás xeracións vindeiras”, recalcou o Presidente.   Unha vez aprobadas as contas no Pleno, a Deputación enviará “a todos e cada un dos veciños e asociacións a contestación ás propostas, consultas e recomendacións que nos trasladaron para elaborar estes Orzamentos. Tamén entón lles faremos chegar ó resto de administracións -Xunta e Fomento principalmente- os deberes que lles poñen os lucenses”, avanzou o mandatario provincial.