Deputación de Lugo

Comezan os segundos obradoiros gratuítos de Nadal organizados polo CENTRAD

Imaxe deputación de lugo
- As actividades, que terán lugar nos pavillóns 4 e 5 do CENTRAD, están dirixidas a nenas e nenos de 5 a 15 anos e serán impartidas por recoñecidos mestres artesáns da provincia - Máis de 90 nenas e nenos da provincia poderán participar nos 6 obradoiros de artesanía, nos que o 15% de prazas están reservadas a rapaces con necesidades especiais

Con motivo da chegada do Nadal, o Centro de Artesanía e Deseño, ofrece unha nova programación de actividades gratuítas para os máis pequenos da casa. Uns 90 nenos e nenas da provincia teñen a oportunidade de converterse de xeito completamente gratuíto en  pequenos artesáns durante uns días. Os obradoiros, que terán lugar os días 30 de decembro e 2 de xaneiro, serán impartidos por mestres artesáns e están dirixidos a rapazas e rapaces de entre 5 e 15 anos. Nesta iniciativa, o 15% das prazas están reservadas para rapaces con necesidades especiais.

Con esta programación, que se celebra xa por terceiro ano, a Deputación fomenta entre os máis pequenos a importancia do sector artesán ao tempo que crea conciencia sobre o valor dos traballos tradicionais non só na provincia, senón tamén no país. Os obradoiros xiran en torno a cinco disciplinas: traxes rexionais, estampas de cor, instrumentos musicais, tapicería e cestería. Durante a celebración das actividades estarán presentes monitores de apoio ademais do persoal propio do CENTRAD, para que os nenos con necesidades especiais podan participar nesta iniciativa lúdica e didáctica.

Desenvolvemento dos cursos
Durante este días, os participantes compaxinarán as actividades con visitas a exposicións, e xogos de carácter educativo. As actividades terán lugar no pavillón 4 e 5 do CENTRAD en horario de 9:00 a 14:00 horas, cun descanso entre as 11:00 e as 11:30 horas. Para os nenos de 5 a 7 anos, ofrecerase o obradoiro “Xogos e motivos para o Nadal”, onde elaborarán as súas creacións con tecidos, tesoiras, pegamento e cores; e que será a cargo de Beatriz Rodríguez. Por outra banda, o mestre Ángel Fernández impartirá un taller de tapicería de axóuxeres, dirixido a nenos de entre 8 e 10 anos. Por último, o cesteiro Félix Palacios impartirá o curso “Fai o teu cabazo de vimbio”, no que os mozos de entre 11 e 15 anos poderán fabricar pezas de cestería con materiais como roten e madeira.

Por último, os rapaces de 5 a 7 anos realizarán diversos xogos e actividades educativas, mentres que os mozos de 8 a 15 anos modelarán unha zanfona baixo a dirección do lutier Antonio Franco.