Deputación de Lugo

O Pleno da Deputación acorda pedir a dimisión da Conselleira de Sanidade por privar aos lucenses de servizos sanitarios

- Aprobado o 1º Presuposto Participativo dunha Deputación en España, que achega 35 millóns a emprego, infraestruturas e políticas sociais, cumprindo coas peticións de 55.000 veciños da provincia - Aprobada a declaración institucional en defensa do sector veterinario e a moción en reclamo de medidas contra a pobreza enerxética que sofren 455.000 galegos - Por 3ª vez, o Presidente informa ao Pleno de actuacións xudiciais logo de que PSOE e BNG renunciasen á presentación de preguntas para que o PP formule máis das regulamentarias

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou a moción impulsada por Gómez Besteiro en defensa de Radioterapia, Hemodinámica as 24 horas e Medicina Nuclear no HULA. Fíxoo grazas aos votos a favor de PSOE e BNG, posto que todos os Deputados do PP votaron en contra. Máis de 100 veciños de toda a provincia, tanto de zonas rurais como urbanas, afectados pola ausencia destes servizos e promotores da ILP co maior respaldo na historia do Parlamento galego, asistiron á sesión plenaria en mostra do seu apoio aos acordos da moción, que son:

  • Esixir a inmediata dimisión de Rocio Mosquera pola súa nefasta xestión á fronte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, que institucionalizou a discriminación cara os lucenses, privándoos das mínimas garantías de acceso aos servizos sanitarios.
  • Manifestar o rexeitamento da Deputación de Lugo ás prácticas políticas do Partido Popular e dos seus representantes na Xunta de Galicia, que deformaron o concepto de soberanía popular mediante a Iniciativa Lexislativa, recollido no Artigo 87 da Constitución Española.

Estes acordos recollen as peticións dos máis de 41.000 veciños que respaldaron a ILP, que xa reclamaron a dimisión de Rocio Mosquera e rexeitaron a actuación do Partido Popular. Fixérono logo de esperar máis de 3 anos a que a Xunta puxese fin á discriminación que sofren os lucenses, posto que Lugo é a única provincia galega sen Radioterapia, Hemodinámica as 24 horas e Medicina Nuclear, e a que os recibise a Conselleira de Sanidade para abordar este asunto, encontro que nunca se produciu; tras agardar 9 meses a que Feijóo decidise someter a debate a ILP no Parlamento, trámite que se podía resolver en 15 días; e despois de que o PP desvirtuase a Iniciativa Lexislativa Popular aprobada por unanimidade na Cámara galega, é dicir, tamén co apoio dos populares, acordando en solitario emendas á Lei e retrasando ata 2017 a dotación deste servizos en Lugo.

O Partido Popular dixo “non entender os motivos desta moción. Que nos expliquen”, apuntou Fernando Pensado, quen afirmou, textualmente, “é posible que se cambiaran palabras da ILP coas emendas...é posible que en 12 meses non cheguen os servizos”. Os Deputados do PP votaron en contra da moción, aínda que representantes deste grupo políticos como o Alcalde de Baralla, que tamén é membro da Corporación Provincial, asinaron a ILP. Non estivo na sesión plenaria e, polo tanto, no participou na votación o Deputado Provincial e Alcalde de Friol, Antonio Muíña. Esta situación repítese, posto que, no Pleno Provincial de xuño, Muíña tamén se ausentou na votación doutra moción para esixir á Xunta a dotación destes servizos na provincia.

Presuposto Participativo
O Pleno aprobou, cos votos a favor de PSOE e BNG, e os votos en contra do PP, o 1º Presuposto Participativo dunha Deputación en España, que ten a de Lugo no 2015, sumando 89,4 millóns de euros, e desestimou as alegacións presentadas ao orzamento, ao non axustárense á Lei de Facendas Locais, tal e como recolle o informe de Intervención. A sesión tamén acordou, coa abstención do Partido Popular, o Plan Estratéxico de Subvencións, que se inclúe no novo orzamento. A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, destacou que, cumprindo coas peticións dos 55.000 veciños que participaron na elaboración do presuposto de 2015, o organismo provincial destina preto de 35 millóns de euros a emprego, infraestruturas e políticas sociais. Esta cantidade representa o 87% dos investimentos recollidos no presuposto. Froito das peticións veciñais, a Deputación xa lanzou os primeiros 17 proxectos do orzamento participativo. Por exemplo, unha segunda edición do BEN EMPREGADO! de 6 millóns de euros, un estudo das alternativa a SOGAMA, un banco de casas rurais deshabitadas, máis becas no Campus de Lugo, novas axudas para a recuperación de terras abandonadas e impulsar a pesca de baixura, horticultura e produción de viño, ou plans para a mellora de infraestruturas e dotacións públicas, entre outros. A institución cumprirá co 90% das máis de 150 peticións concretas que fixeron os veciños.  

En defensa do sector veterinario
A sesión plenaria aprobou a declaración institución de Gómez Besteiro en defensa do sector veterinario. A Deputación de Lugo apoia, deste xeito, as reivindicacións da Confederación de Decanos e Decanas de Veterinaria de España, do Colexio de Veterinarios español e dos estudantes da Facultade de Veterinaria de Lugo para suspender o plan de construción de novos centros públicos en Lleida, Valencia e País Vasco, e privados en Madrid e Alicante. Tal e como recolle a declaración institucional, Gómez Besteiro mantén que a apertura de novas facultades minguaría a calidade docente e dificultaría a incorporación de veterinarios ao mercado laboral. O Presidente defende que o investimento de recursos económicos na universidade debe ir vinculado a garantir o acceso a estudos universitarios a calquera persoa independentemente do seu nivel de renda, así como que a Facultade de Lugo é un referente nacional e europeo, que conta cos máximos recoñecementos continentais dende 2002.

Pobreza enerxética
O Pleno aprobou, cos votos de PSOE e BNG, a moción do grupo provincial socialista que esixe aos Goberno central e galego medidas contra a pobreza enerxética como, por exemplo, unha lei que garanta o acceso ao subministro enerxético ou unha tarifa social para os consumidores vulnerables. Segundo un estudo da Asociación de Ciencias Ambientais (ACA), 7,4 millóns de españois destinan máis do 10% dos seus ingresos ao pago de gastos enerxéticos. 455.000 destas persoas son galegos. 4,2 millóns de españois non poden manter o seu fogar a unha temperatura axeitada, 192.000 son galegos. A estes datos engádense os da enquisa de condicións de vida do INE, que destacan que o 16,6% dos fogares galegos teñen moitas dificultades para chegar a fin de mes polos gastos domésticos e que o 5% teñen atrasos nos pagamentos relacionados coa vivenda principal.

3ª comparecencia do Presidente
Nun exercicio de transparencia sen precedentes nas administración do país, o Presidente compareceu no Pleno por 3ª vez para informar á Corporación Provincial sobre actuacións xudiciais. Fíxoo logo de que PSOE e BNG renunciase á presentación de preguntas na sesión plenaria para cederllas ao Partido Popular co obxectivo de que este grupo político puidese formular máis das 2 preguntas regulamentarias. Gómez Besteiro xa compareceu no Pleno a petición propia e logo nunha sesión extraordinaria, detallando toda a información da que dispón a Deputación e respectando, tal e como esixe a Lei, o segredo sumarial.

Pésames
O Presidente iniciou o que foi o último pleno do ano expresando o seu pésame e o de toda a Corporación Provincial polo falecemento de Manuel Méndez, ex concelleiro por Lugo, e de Carmen Coedo, traballadora da Deputación e esposa do Subdelegado do Goberno en Lugo.

Felicitacións
Gómez Besteiro tamén quixo felicitar a Darío Villanueva Prieto, veciño de Vilalba, polo seu nomeamento como director da Real Academia Española, cargo do que tomará posesión o vindeiro 8 de xaneiro.