Deputación de Lugo

O BOP publica hoxe a modificación das bases do proceso de venda de accións do CD Lugo co pago aprazado

Imaxe deputación de lugo
- Axustándose ao artigo 134 da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas que contempla esta modalidade de pago, o prazo non será superior aos 3 anos - O luns abrirase un prazo de 10 días hábiles para a presentación de ofertas. Na primeira semana de febreiro reunirase a Comisión Técnica para a valoración de solicitudes e, previsiblemente, a resolución do concurso

Tal e como adiantou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, o Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a modificación da cláusula 12 das bases do proceso de enaxenación das 150.000 accións do CD Lugo propiedade da Deputación e do Concello lugués. Trátase da cláusula relativa ao pagamento, que recolle a posibilidade de pago aprazado nos termos recollidos no artigo 134 da Lei de Patrimonio das Administracións Públicas. Isto é, nun prazo non superior aos 3 anos.

Isto permitirá abrir o luns un prazo de 10 días hábiles para a presentación de ofertas. Transcorrido deste tempo, na primeira semana de febreiro reunirase a Comisión Técnica para a valoración de solicitudes e, previsiblemente, a resolución do concurso, que suporá a saída definitiva do accionariado do clube por parte de Deputación e Concello de Lugo.  

O pasado luns, 12 de xaneiro, a Comisión Técnica viuse obrigada a declarar deserto o procedemento de concurso, á vista de que a única oferta presentada ao mesmo non se axustaba nin ás bases reguladoras nin á encomenda de xestión aprobada polo Pleno municipal. En concreto, incumpría a forma de pagamento.

Ante esta situación, a Xunta de Goberno de onte aprobou a modificación das bases para admitir, nos termos que contempla a lexislación vixente neste tipo de procedementos, a modalidade de pago aprazado.