Deputación de Lugo

O prestixioso cardiólogo Carlos González Juanatey analizará O corazón dos lucenses na Deputación de Lugo

Imaxe deputación de lugo
- O Salón de Actos de San Marcos acollerá unha charla-coloquio do Xefe de Cardioloxía do HULA, quen abordará diferentes aspectos sobre o infarto de miocardio, consellos para previlo ou como minimizar as súas consecuencias - O acto terá lugar ás 20:00 horas e a asistencia será gratuíta e libre ata completar aforo. Os que non poidan acceder ao Salón, poderán seguilo en streaming dende www.deputacionlugo.gal grazas ao traballo da Fundación TIC

O prestixioso cardiólogo Carlos González Juanatey someterá a análise na Deputación de Lugo O corazón dos lucenses. Farao na charla-coloquio que se celebrará mañá xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a partires das 20:00 horas, na que o actual Xefe do Servizo de Cardioloxía do Hospital Unversitaria Lucus Augusti-HULA, analizará diferentes aspectos relativos ao infarto de miocardio. A asistencia ao acto é totalmente gratuíta e libre ata completar o aforo do recinto.

Entre outros aspectos, Juanatey explicará polo miúdo en que consiste exactamente o infarto; consellos para previr esta doenza; ou cales deben ser as pautas e a trascedencia do tratamento para minimizar as súas consecuencias.

Carlos González Juanatey é doutor en Cardioloxía, e presta servizos no hospital lucense dende o ano 1998. De sobrado prestixio, exerce como Xefe do Servizo de Cardioloxía no HULA dende o ano 2008 e é autor, ademais, de numerosas publicacións internacionais e traballos científicos. Hai que destacar que a el deben os lucenses o impulso dos servizos de hemodinámica na provincia, tendo en conta que así o xustificaban as cifras de cateterismos realizados anualmente en Lugo.

Para aqueles que non poidan acceder ao Salón para seguir en vivo a conferencia do doutor Juanatey, así como o coloquio que se celebrará a continuación, poderán facelo en tempo real a través da rede, xa que o acto será retransmitido en streaming grazas ao traballo da Fundación TIC.