Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo recibe un dos “Premios Galicia 2015 Sociedad de la Información”

- A Vicepresidenta Segunda recolleu hoxe o galardón que recoñece a traxectoria da institución luguesa no impulso das tecnoloxías da comunicación para mellorar a eficacia administrativa, a transparencia na xestión do público e a calidade democrática - Son exemplo disto os proxectos que implantaron a administración electrónica na provincia, que achegaron as novas tecnoloxías a autónomos e PEMES, que levaron Internet ao rural ou que potencian o envellecemento activo a través das TICs - A institución ten presenza activa nas novas canles de comunicación. É a Deputación galega con máis seguidores en Twitter e converteuse na 1ª en España en ter conta en Instagram

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, recolleu este mércores o “Premio Galicia 2015 Sociedad de la Información” que recaeu na Deputación de Lugo. O galardón recoñece a traxectoria do organismo provincial no impulso das tecnoloxías da comunicación ao servizo dos cidadáns para mellorar a eficacia e actividade administrativa, a transparencia na xestión do público e a calidade democrática. A Fundación Socinfo e a revista Sociedad de la Información concederon estes premios a un total de 24 institucións e empresas galegas, nun acto que tivo lugar hoxe en Santiago de Compostela.  

O organismo provincial leva 8 anos desenvolvendo proxectos neste eido. Por exemplo, o Innova-TE, que fixo posible a chegada da administración electrónica á Deputación e aos Concellos, acadando institucións abertas as 24 horas; o Dinamíz@TE, que achegou as novas tecnoloxías a autonómos e PEMES lucenses; o Satelíz@TE, que levou Internet ao rural; o Sempre en Activo, que potencia o envellecemento activo con formación sobre as TICs para maiores nos fogares, reforzando o primeiro Centro de Innovación Social de Galicia que abriu na capital, entre outras iniciativas. Na aposta por abrir a institución á participación activa dos cidadáns, a Deputación de Lugo é a primeira en España en ter Orzamentos Participativos.
 
A institución luguesa ten hoxe presenza activa nas novas canles de comunicación. A de Lugo é a Deputación de Galicia con máis seguidores en Twitter, con case 5.000 (http://twitter.com/depulugo); ao tempo que se converteu no primeiro organismo provincial de España en abrir conta institucional en Instagram (@depulugo). 

Xunto a espazos como www.deputacionlugo.gal ou http://blog.deputacionlugo.gal, a estratexia dixital da Deputación compleméntase en redes como Facebook                                         ( http://facebook.com/deputacionlugo), a máis popular en España, e na que está a piques de acadar os 3.000 fans; Flickr (https://www.flickr.com/photos/deputacionlugo/), onde está dispoñible o arquivo fotográfico das novidades da Deputación ou en Pinterest (http://www.pinterest.com/dipulugo/).