Deputación de Lugo

Maiores de Vilalba, Chantada e Guitiriz descobren o uso das TIC para o coidado da saúde

Imaxe deputación de lugo
- Regina Polín manterá encontros con veciños de Vilalba e Guitiriz que participan no Camiña coas TIC, o programa que promove o exercicio físico a través do emprego de dispositivos móbiles como o compás, podómetro, buscadores de rutas...- García Porto visitará en Chantada aos participantes en Nutretic, que aprenderán a clasificar os alimentos, coñecerán tipos de dietas, farán a compra por Internet, crearán un video-recetario ou compartirán as súas experiencias nun blog

Veciños de Vilalba, Chantada e Guitiriz participan este luns en dous dos programas gratuítos sobre novas tecnoloxías, dirixidos a maiores de 55 anos, que ten en marcha a Deputación nos Concellos da provincia, a través da Fundación TIC, para fomentar o envellecemento activo. Trátanse de Camiña coas TIC, que promove o exercicio físico, e Nutretic, que fomenta hábitos alimenticios saudables. Son iniciativas financiadas nun 80% por fondos europeos do Innova-TE2.

Ás 11:00 horas, a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, manterá un encontro con maiores de Vilalba que descobren hoxe o Camiña coas TIC. Ás 16:00 horas, Polín visitará aos participantes en Guitiriz desta mesma programación.

Camiña coas TIC fomenta o exercicio físico mediante o emprego de aplicacións en dispositivos táctiles, como o compás, podómetro, contador de calorías ou mesmo a través de buscadores de rutas, entre outros. Son un mínimo de 10 as persoas que participan en cada obradoiro, que contan co apoio de dous monitores.

Nutretic en ChantadaA Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, manterá un encontro, ás 16:00 horas, en Chantada, cos participantes en Nutretic. A finalidade desta programación é fomentar hábitos saudables co emprego das TIC. Os veciños desta localidade do sur lugués aprenderán a clasificar os alimentos ou coñecerán tipos de dieta, coa axuda de dispositivos móbiles. Ademais, farán a súa compra por Internet, crearán un video-recetario ou compartirán as súas experiencias no Nutretic nun blogs.