Deputación de Lugo

A Deputación cede a COGAMI unha parcela de 1.500 m2 para ampliar os seus servizos na provincia

- Lara Méndez adiantou que o Pleno Provincial de mañá aprobará a cesión gratuíta durante 20 anos a COGAMI dunha parcela provincial, situada a carón das actuais instalacións deste colectivo sen ánimo de lucro na Rúa da Luz da capital luguesa- A Vicepresidenta remarcou que “COGAMI atende ao día a 100 persoas de toda provincia e, grazas a esta cesión, poderá chegar a máis xente. Seguimos a pór en valor o patrimonio provincial e a darlle un fin público e social, como coa gardería do Campus ou o San José” - COGAMI espera que a Xunta lle conceda a lo menos 20 prazas para poder abrir o centro de día. A súa previsión é ampliar este servizo nun futuro, situando na finca que lle cede a Deputación unha edificación anexa ou pisos tutelados

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, avanzou este luns que o Pleno Provincial de mañá aprobará a cesión gratuíta durante 20 anos á COGAMI dunha parcela provincial de 1.474 metros cadrados, situada na Rúa da Luz da capital luguesa, a carón das actuais instalacións que ten este colectivo sen ánimo de lucro en Fingoi, que lle permitirá ampliar os seus servizos na provincia. Méndez adiantou este acordo plenario nun encontro co Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga Vila, o Presidente da Federación de COGAMI en Lugo, José Luís Lolo Celeiro, e o Coordinador do Centro de Fingoi, Juan Gude, durante a visita a este centro.

Con esta cesión, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade cumpre cos requisitos que establece a Consellería de Traballo e Benestar para ampliar os seus servizos de centro de día ou centro ocupacional na provincia de Lugo, posto que consegue a superficie legal requerida para poder facelo. Actualmente, COGAMI está a espera de que a Xunta de Galicia lle conceda a lo menos 20 prazas para poder abrir as instalacións do centro de día, que teñen capacidade para 60 persoas. Este colectivo prevé facer nun futuro, no espazo que lle concede a Deputación, unha edificación anexa a este centro ou ben pisos tutelados para ampliar os seus servizos. Ata o momento, a finca empregarase de zona verde e de espazo para facer as prácticas do obradoiro de xardinería que busca a inserción laboral de persoas con discapacidade neste sector.

Lara Méndez remarcou que “COGAMI atende ao día a unhas 100 persoas de toda a provincia e, grazas a esta cesión, poderá chegar a máis xente nun futuro. Seguimos a pór en valor o patrimonio provincial, que é de todos os lucenses, e darlle un fin público e social, como coas cesións da gardería do Campus a Raiolas ou do San José a ASPNAIS”. Anxo Queiruga agradeceu á Deputación a súa nova colaboración e subliñou a “estreita relación” de ambas as dúas institucións, posto que “sempre atopamos as portas da Deputación de Lugo abertas”.

E é que, xunto á cesión desta finca, outras das colaboracións do organismo provincial con COGAMI son, por exemplo, as axudas económicas para o desenvolvemento da súa actividade, que suman 160.000 euros nas últimas anualidades, ou as subvencións que recibirá próximamente para a contratación de 5 persoas con dispacidade a través do BEN EMPREGADO!, posto que COGAMI resultou ser un das 221 organizacións sen ánimo de lucro ou empresas beneficiadas deste plan de emprego.

COGAMI Lugo
O centro de recursos de Fingoi ocupa unha parcela de 6.500 metros cadrados, dos que 1.500 están construídos. COGAMI Lugo presta nestas instalacións servizo de apoio ás persoas con gran discapacidade física co obxectivo de fomentar a súa autonomía. Faino a través de programas de saúde, formativos, orientación e inserción laboral, información, asesoramento, lecer…, que chegan a diario a unhas 100 persoas de toda a provincia. Por exemplo, conta cunha aula de adultos para 15 usuarios e outra de formación para 30. Ten un Servizo de Intermediación Laboral e unha bolsa de emprego, na que hai inscritas 2.500 lucenses. Durante o ano pasado, logrou a inserción laboral de 384 persoas. Outro das súas prestacións son cursos para desempregados, actividades de traballo social ou a bolsa de voluntariado.

Posta en valor do patrimonio provincial
A cesión desta parcela provincial a COGAMI é un paso máis do actual Goberno da Deputación na posta en valor do patrimonio público. Son exemplo disto, a cesión da gardería do Campus a Raiolas para situar nela o primeiro centro de formación na provincia para maiores de 16 anos con autismo; a cesión do antigo hospital San José a ASPNAIS, onde esta asociación lucense de axuda a persoas con discapacidade intelectural duplicará os seus servizos de residencia, centro de día e centro ocupacional na provincia; a construción da nova sede da UNED no antigo Hotel Miño; ou a transformación do Pazo de Tor no centro público de Galicia coa oferta máis ampla dedicada á promoción económica do rural.