Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño acolle este xoves un especial concerto gratuíto de piano

Imaxe deputación de lugo
- Regina Polín asistirá ao concerto Profunda amistad, que terá lugar mañá no Pavillón nº4 do CENTRAD a partir das 19:00 horas- Trátase da presentación do 1º traballo discográfico do músico e compositor begontino Adrián Vigo, a quen a música serviu de terapia dende neno, no que repasa diferentes estilos que van dende o pop-rock ata a bossanova

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, acollerá este xoves, a partir das 19:00 horas, o concerto gratuíto Profunda amistad, do xove músico e compositor begontino Adrián Vigo. Este espectáculo musical é un paso máis na traxectoria musical deste lugués, a quen a música lle serviu de terapia dende moi cativo, así como unha oportunidade de darse a coñecer en estilos diferentes dos que normalmente adoita interpretar, onde se decanta pola música de baile.

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, asistirá a este recital, xa que se enmarca dentro da aposta do organismo provincial e do CENTRAD polo traballo dos artistas noveis da provincia.

Música totalmente saída do corazón. Así define Adrián Vigo o seu primeiro traballo discográfico, que dá nome a este concerto, e que consta de 10 composicións propias en homenaxe a todos os que apoiaron ao compositor durante a súa andaina musical.

Profunda amistad engloba, entre outros estilos, baladas, ritmo pop-rock, bossanovas, e rumbas, onde predomina a voz e o piano. Acompañado polo mestre David Taboada, Adrián Vigo ofrecerá un concerto onde os asistentes poderán gozar da rumba “Unha sensación unida”, da balada “El corazón de una estrella” ou do vals “Davaine”, entre outros temas. A entrada é libre ata completar aforo.