Deputación de Lugo

A Deputación promociona en FITUR 2015 a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Lara Méndez participou na presentación de Mírame Ribeira Sacra, iniciativa que pon en valor este espazo natural e patrimonial ao tempo que promociona a súa candidatura

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, participou este xoves no acto organizado polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid co fin de presentar Mírame Ribeira Sacra, iniciativa enfocada a dar a coñecer este espazo de grande riqueza natural, patrimonial e cultural. Esta actuación atópase dentro da liña de promoción da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.
                                                                                                   
Méndez valorou que “conseguir o distintivo internacional de Patrimonio da Humanidade é un reto colectivo, que conseguiremos, de seguro, se traballamos todos xuntos”. Nesta liña, a Vicepresidenta informou que, xa o ano pasado, “participamos na presentación de tres novas guías turísticas, que ofrecían información sobre o patrimonio histórico e natural, así como rutas e recomendacións para conseguir desfrutar, máis en profundidade, deste entorno paradisíaco”.

Este apoio, salientou Méndez, está enfocado a continuar recadando apoios para conseguir que a Ribeira Sacra conte co título de Patrimonio da Humanidade, “iniciativa xestada pola Deputación de Lugo” destacou. A Vicepresidenta explicou que esta candidatura é unha aposta persoal do Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, que “abriu novas canles de participación a institucións e colectivos de toda a provincia, e fóra dela, co fin de promocionar e dar difusión a este espazo natural”.

Mírame Ribeira Sacra
Esta iniciativa, que tivo lugar no pasado mes de novembro, estaba dirixida a promocionar entre os medios de comunicación este enclave natural. A través deste proxecto organizáronse diversos viaxes para a prensa co fin de incentivar publicacións sobre natural. Con este press-trip financiouse o desprazamento dos medios de comunicación ata a Ribeira Sacra, así como a estancia en diferentes establecementos da zona. Ademais, ofrecéuselle o desprazamento polas rutas da Ribeira Sacra aos xornalistas, que estiveron acompañados dun guía turístico, co fin de afondar en aspectos máis técnicos así como resolver dúbidas.