Deputación de Lugo

Pratos tradicionais con sabor a carne de raza cachena no 6º obradoiro do Showcooking da Deputación, en Begonte

- A Taberna do Labrego acolle este mércores a xornada, á que asistirá a Deputada de Deseño e Artesanía, na que o chef José Ángel Corral elaborará varias receitas in situ de cociña tradicional empregando alimentos da contorna- A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do programa Lug02 Provincial, pretende mostralles aos asistentes, a través de xornadas gratuítas de cociña, “o potencial turístico da cociña de proximidade” - O Showcooking Cociña Autóctona xa se levou a cabo noutras localidades para fomentar entre os hostaleiros da provincia o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a calidade e exclusividade de cada zona para impulsar o sector

A Deputación de Lugo leva este mércores a Begonte, concretamente á localidade de Pacios, un novo obradoiro do Showcooking Cociña Autóctona, o novo programa posto en marcha pola institución luguesa para potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa, ao tempo que favorece o desenvolvemento do turismo gastronómico.

Esta sexta xornada do Showcooking terá lugar na Taberna do Labrego, un restaurante rural de cociña tradicional e inquieta, especializado en Gin&Tonic e coctelería en xeral. O seu chef e propietario, José Ángel Corral, cunha experiencia de máis de 30 anos, finalista no Forum Café e gañador do Awards Universal de coctelería, elaborará varios pratos tradicionais in situ, empregando carne de raza cachena procedente da Granxa San Breixo, de recoñecido prestixio. Comezará elaborando un primeiro prato de solomillo de vaca cachena con reducción de Ribeira Sacra, un segundo con entrecot á grella con esferificación de viño e un terceiro de redondo de cachena guisado. Como sobremesa, Corral optará por unha xelatina de gin tonic.

Tanto a carne de cachena como os viños e licores empregados, da Granxa San Breixo e da Adega Moure, respectivamente, contan co distintivo de calidade do organismo provincial LugoSabe e venden na plataforma de comercio electrónico creada tamén pola institución luguesa, www.losproductosdelugo.com

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participará neste obradoiro que pretende amosarlle aos asitentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se trata de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a súa calidade e a exclusividade en cada zona para impulsar o sector. A Deputación xa celebrou clases de cociña autóctona na Fonsagrada, Monforte de Lemos, Cervantes e O Valadouro e continuará levando todo este mes de febreiro os obradoiros a outros puntos da provincia, empregándose en todos eles alimentos da contorna.