Deputación de Lugo

A Deputación esixe á Xunta que dote de funcións ao Padroado de Sargadelos e que o convoque polo menos unha vez ao ano

Imaxe deputación de lugo
- Na reunión celebrada hoxe, a Vicepresidenta Segunda reclamou que este órgano “cumpra cos fins para os que foi creado e que ten atribuídos por Lei: recuperar e conservar o conxunto histórico de Sargadelos”  - Nos últimos 8 anos, o Padroado só se reuniu 3 veces, dúas delas para cuestións de trámite e unha, solicitada pola propia Deputación, para abordar o futuro da fábrica de cerámica- Esta inactividade “demostra unha vez máis a total desidia e falta de compromiso do Goberno galego coa provincia e co seu patrimonio cultural”, subliñou Lara Méndez

A Vicepresidenta Segunda da Deputación de Lugo, Lara Méndez, esixiu este martes á Xunta de Galicia que dote ao Padroado de Sargadelos de “funcións reais”, e que o convoque cando menos unha vez ao ano para que cumpra “cos fins para os que foi creado e que ten atribuídos por Lei”. Méndez fixo estas propostas durante a reunión que o órgano mantivo esta mañá tendo en conta que, se ben están representados a adminitración galega, o organismo provincial e o Concello de Cervo, é a Xunta a que ten a responsabilidade sobre o seu funcionamento.

Segundo o artigo 3º do Decreto 17/1987, do 22 de xaneiro, polo que se reestrutura e se determinan as funcións do Padroado do conxunto histórico artístico de Sargadelos, as súas atribucións son as seguintes: “continuar co labor de recuperación e conservación do conxunto histórico artístico de Sargadelos; fomentar os estudos sargadelinos no centro cultural antes citado; e vixiar que o nome de Sargadelos non sexa utilizado para fins inadecuados ao seu espírito e significación”. Ningún destes obxectivos “se está a cumprir a día de hoxe porque o Padroado está totalmente paralizado”, destacou a Vicepresidenta.

Nos últimos 8 anos, o órgano soamente se reuniu en tres ocasións, dúas delas para cuestións “de mero trámite”, explicou Lara Méndez, relacionadas co mantemento da Casa da Administración, e unha, “a única en todo este tempo que tivo verdadeiro contido”, foi solicitada pola propia Deputación para abordar o futuro da fábrica de cerámica. Neste encontro, celebrado en decembro do 2013, chegouse a un acordo a tres bandas no que se instaba á Xunta, á Deputación e ao Concello de Cervo a impulsar iniciativas e ferramentas ao seu alcance para, en colaboración coa empresa e os traballadores, procurara a viabilidade da Cerámica de Sargadelos no municipio mariñano. Sen embargo, “de novo polo deixamento do Goberno de Feijóo non se materializou nin avanzou nada ao respecto”, asegurou a Vicepresidenta.

Esta inactividade “demostra unha vez máis a total desidia e falta de compromiso do Goberno galego coa provincia e o seu patrimonio cultural”, subliñou Méndez.