Deputación de Lugo

O BOP e a web provincial publican as bases para a selección dos 248 traballadores do Ben Empregado!

Imaxe deputación de lugo
- Os interesados poden apuntarse dende o luns ata o día 3 de marzo. Teñen toda a información sobre como facelo, que documentación deben presentar e os requisitos que teñen que cumprir no Boletín Oficial da Provincia e en www.deputacionlugo.gal- Entre o 4 e o 14 de marzo terá lugar o proceso de selección dos candidatos, que consistirá na valoración de méritos e o currículo, e nunha entrevista- Empregados do sector agropecuario e forestal, informática e novas tecnoloxías, servizos sociais e turismo, os perfís máis demandados polas empresas

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) e a páxina web da Deputación, www.deputacionlugo.gal publican hoxe os 248 perfís profesionais que solicitan as 221 empresas e entidades sen ánimo de lucro que resultaron beneficiadas polo plan Ben Empregado!, así como as bases para a selección dos traballadores. Os interesados poderán apuntarse entre o luns e o día 3 de marzo.
No BOP e na web atoparán toda a información sobre como poden facer a solicitude, que documentación deben presentar e os requisitos que teñen que cumprir. As condicións básicas son: ser maior de 16 anos; estar empadroado en calquera dos 67 municipios da provincia e inscrito na correspondente oficina de emprego; e ter a capacitación ou titulación requirida para o posto de traballo que solicita.
Cada candidato pode optar a un máximo de dous perfís, que debe incluír na solicitude por orde de preferencia.
Os perfís demandados
O máis solicitado é persoal para traballar no sector agropecuario, forestal e vinculado ao medio ambiente, para o que as empresas piden dende peóns para explotacións gandeiras a enxeñeiros agrónomos e forestais. Destacan tamén os perfís vinculados coas novas tecnoloxías e a Internet. As empresas demandan titulacións e coñecementos en informática, marketing dixital e posicionamento en redes sociais.
Administrativos e titulados en administracións de empresas son outros dos perfís moi demandados, como o son os perfís de carácter social: educador e traballador social, psicólogo, ou monitores de actividade física e de tempo libre. Para o sector hostaleiro tamén demandan perfís con formación en turismo e xestión de eventos.
De calquera xeito, as ofertas son moi diversas: xornalistas, biólogos, arquitectos, dependentes, mecánicos, ebanistas, empaquetadores ou hixienistas dentais.
Os prazos
Entre o 4 e o 14 de marzo terá lugar o proceso de selección dos candidatos, que consistirá na valoración de méritos e o currículo, e nunha entrevista. O día 16 publicarase a lista de persoas seleccionadas e comunicaráselle ás empresas e organizacións beneficiarias o traballador ou traballadores que lles foron asignados. As propias entidades ocuparanse da súa contratación, cumprindo coa modalidade contractual e pola xornada laboral establecida na solicitude da axuda. O contrato deberá formalizarse entre os días 23 e 27 de marzo.