Deputación de Lugo

A exposición da Capela de Santa María sobre o traballo dos ferreiros esperta interese con 700 visitas nun mes

- Mans de Ferro, que reúne unhas 150 pezas de 31 ferreiros lucenses, continúa aberta ata o 1 de marzo nos horarios habituais da sala: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 - Con esta mostra, a Deputación rende homenaxe a “un oficio en certo declive, pero que aínda segue vivo e pode ofrecer moitas alternativas de futuro”

A exposición Mans de ferro, centrada na figura dos ferreiros e nas súas distintas xeracións, espertou un importante interese, atraendo á Capela de Santa María no seu primeiro mes de apertura a máis de 700 persoas. Esta mostra, a primeira da Capela neste 2015, reúne unhas 150 pezas elaboradas por 31 artesáns da provincia, o maior de 93 anos e o máis mozo de 32, así como de 2 afiadores. A maiores, inclúe un recoñecemento ás mulleres dos ferreiros, partícipes do seu traballo.

Coa mostra Mans de ferro, a Deputación rende homenaxe a un “oficio en certo declive, pero que aínda segue vivo, sendo capaz de ofrecer moitas alternativas de futuro, como a elaboración de elementos decorativos ou ornamentais”, tal e como subliñou a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez.
 
Entre as pezas que se poden ver, atópanse fouciños de hai preto de 60 anos, un dos instrumentos de labranza que os ferreiros lugueses vendían aos agricultores de Castela para segar o trigo, así como coitelos ou navallas de diferentes tamaños. Ás pezas expostas acompáñaas unha fotografía do ferreiro creador, todas elas realizadas por José Salgado, un dos comisarios da mostra.   

A exposición poderase visitar ata o 1 de marzo nos horarios habituais da sala: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é gratuíta.