Deputación de Lugo

Os ferreiros da provincia, protagonistas da primeira mostra do ano na Capela de Santa María

- Lara Méndez e Regina Polín inauguraron a exposición “Mans de ferro”, que reúne unhas 150 pezas de 31 ferreiros lucenses e coa que a Deputación rende homenaxe a “un oficio en certo declive, pero que aínda segue vivo e pode ofrecer moitas alternativas de futuro” - Poderá visitarse ata o 1 de marzo, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é  gratuíta - Unhas 11.000  persoas pasaron polas 14 exposicións que organizou no 2014 a Deputación no Centro de Artesanía e Deseño e a Capela de Santa María

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inauguraron este venres a exposición “Mans de ferro”, a primeira deste ano 2015 que acolle a Capela de Santa María. Esta mostra, centrada na figura dos ferreiros e nas súas distintas xeracións, reúne unhas 150 pezas elaboradas por 31 artesáns da provincia luguesa, o maior de 93 anos e o máis mozo de 32, así como de 2 afiadores.

Durante o acto de inauguración, a Vicepresidenta Segunda, que estivo acompañada polos ferreiros que expoñen as súas pezas e polos comisarios da mostra, Teresa Tejada e José Salgado, lembrou que “esta mostra é un paso máis no traballo que realiza tanto a Deputación como o Centro de Artesanía e Deseño en prol da conservación dos oficios tradicionais, elemento diferenciador da provincia, capaz de xerar riqueza e postos de traballo”.

O grupo musical galego Birimbao púxolle o broche de ouro á inauguración desta exposición, que estivo marcada pola entrega dos diplomas de Artesáns de Honra da Provincia aos ferreiros, así como por un recoñecemento ás súas mulleres, partícipes do seu traballo.

Ferreiros: pasado, presente e futuro
Coa mostra “Mans de ferro”, a Deputación rende homenaxe a un “oficio en certo declive, pero que aínda segue vivo, sendo capaz de ofrecer moitas alternativas de futuro, como a elaboración de elementos decorativos ou ornamentais”, tal e como o caracterizaba Méndez. Entre as pezas que se poden ver atópanse fouciños de hai preto de 60 anos, un dos instrumentos de labranza que os ferreiros lugueses vendían aos agricultores de Castela para segar o trigo, así como coitelos ou navallas. Ás pezas expostas acompáñaas unha fotografía do ferreiro creador, todas elas realizadas por José Salgado.  

A exposición poderase visitar ata o 1 de marzo, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é gratuíta.

11.000 persoas en 14 exposicións
Unhas 11.000 persoas pasaron polas 14 exposicións que organizou a Deputación no ano 2014 tanto na Capela de Santa María como no Centro de Artesanía e Deseño. Esta programación rematou o pasado domingo coa derradeira mostra “Imaxinando Cantares Gallegos”, que dende o pasado 12 de decembro reuniu as creacións gráficas de 28 artistas galegos que ilustraron, en 33 pezas, os versos da obra rosaliana “Cantares Gallegos”. Hoxe, coa inauguración de “Mans de Ferro”, a Deputación comeza a nova tempada de exposicións.

Nas 14 mostras que se celebraron ao longo do 2014 houbo ofertas da máis variada índole: pintura, escultura, tear, madeira e fotografía, entre outras. Hai que destacar o éxito das exposicións “O barguenho das Santas”, que amosou en primicia mobles pintados de Murado; “Lo Sexual y lo Sagrado” de José Ortiz que, por primeira vez, expuxo o seu traballo en Lugo reunindo unha corentena de pezas de diverso material de temática sexual; “A Pegada de San Francisco en Galicia”, que exhibiu na Capela, por primeira vez no país, 40 pezas históricas que ofrecían unha completa visión da influencia da orde franciscana na historia e arte galegas xusto cando se cumpren 8 décadas da súa chegada; así como “Panem Romanorum”, que reuniu por primeira vez en Galicia medio cento de pezas relacioandas coa arte da elaboración do pan romano.

 “A variedade e a calidade das mostras que acolle a Capela de Santa María están a consolidar este espazo como referente no circuito histórico artístico da provincia e así o demostran os milleiros de visitantes do pasado ano”, sentenciou Polín.