Deputación de Lugo

Menú con sabor a mar no 9º obradoiro do Showcooking Cociña Autóctona da Deputación

Imaxe deputación de lugo
- O Restaurante A Dorada do Cantábrico de Ribadeo acolle hoxe esta masterclass, onde os participantes aprenderán a combinar o uso dos produtos autóctonos de calidade coas mellores técnicas de cociña- A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, mostra “o potencial turístico da cociña de proximidade” a través de xornadas gratuítas de cociña- O organismo provincial levará o Showcooking a vindeira semana a Chantada e a Lugo

O Showcooking Cociña Autóctona da Deputación de Lugo continúa esta tarde a súa andadura en Ribadeo tras o seu paso pola Fonsagrada, Monforte de Lemos, Cervantes, O Valadouro, Begonte, Outeiro de Rei e Foz, cun dobre obxectivo: potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa, e favorecer o desenvolvemento do turismo gastronómico.

O Restaurante A Dorada do Cantábrico, especialista en produtos de mar e carne galega, acollerá esta clase maxistral de cociña esta tarde a partires das 17:00 horas co chef Miguel Ángel González aos fogóns, quen se encargará de desvelarlle aos participantes os segredos de cociña que aprendeu nos seus máis de 25 anos de experiencia coa elaboración in situ dun menú con sabor a mar, no que empregará alimentos da contorna.

No obradoiro, os participantes aprenderán a combinar o uso dos produtos autóctonos de calidade coas mellores técnicas de cociña elaborando un primeiro prato de berberechos ao vapor e un segundo de fabas con ameixas. Como sobremesa, González preparará un flan de queixo. Ao rematar, os asistentes degustarán o menú preparado durante a xornada.

O Showcooking Cociña Autóctona pretende mostrarlle aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se tratará de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a calidade e a exclusividade dos propios de cada zona para impulsar o sector.

Chantada e Lugo cociñarán a vindeira semana produtos autóctonosO vindeiro luns e martes, 23 e 24 de febreiro, a Deputación leva o Showcooking Cociña Autóctona á Faragulla Winebar de Chantada e á Escola de Hostalería de Lugo, onde se empregarán, ao igual que o resto da xornadas, produtos autóctonos, principalmente, aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com Estas xornadas de cociña gratuítas continuarán durante todo o mes de febreiro.