Deputación de Lugo

A Deputación presenta dúas iniciativas que fomentan o uso das TIC nas empresas e no colectivo de maior idade da Zona Sur

- Pilar García Porto e Pablo Rivera informaron hoxe en Monforte do servizo de asesoramento, apoio e formación individualiza que lle ofrece o organismo provincial de xeito gratuíto a PEMES e autónomos - De xeito complementario, a Deputación organizou no Centro do Viño a xornada informativa Vinos y TIC´S: Imagen de éxito ¿Necesita el vino internet para vender?, co obxectivo de profundizar nas oportunidades que lle ofrecen as TIC ao sector vitivinícola - O centro de maiores Geriatros acolleu pola súa banda o programa Memoria Tic-Tac, co que se creará un banco de recordos audiovisuais dos maiores da provincia

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera Capón, presentaron este xoves no centro de asesoramento tecnolóxico que a Deputación abriu en Monforte de Lemos o servizo totalmente gratuíto de apoio e formación individualizada no eido das novas tecnoloxías que a institución provincial ofrece ás PEMES e autónomos, ao tempo que fomenta a incorporación e uso de ferramentas tecnolóxicas no tecido empresarial.

“Actualmente, grazas ás novas tecnoloxías, as empresas son capaces de mellorar a súa competitividade, a súa produtividade e o seu funcionamento; razón pola que levamos case 8 anos traballando neste eido”, subliñou García Porto. A Deputada tamén lembrou outras iniciativas do organismo lugués en impulso das TIC e o tecido empresarial, como a creación da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, o plan Dinamíz@Te ou o Ben Empregado!.

Pola súa banda, Rivera Capón invitou aos empresarios e autónomos a participar nas actividades formativas e divulgativas, a custe cero, que porá a Deputación á súa disposición no centro de asesoramento tecnolóxico monfortino para mostrarlles novas ferramentas TIC. Así mesmo e dentro do obxectivo da institución luguesa de impulsar e dinamizar o tecido empresarial da provincia e consciente do auxe dos dispositivos móbiles, “desenvolveremos tres  aplicacións móbiles para potenciar os sectores estratéxicos da provincia: agroalimentario, turístico e forestal”, afirmou o director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías.

As empresas que queiran beneficiarse ou coñecer máis sobre esta iniciativa, cofinanciada ao 80% por fondos europeos, poden facelo no teléfono 982-225-186, ou ben achegándose ao centro de asesoramento de Monforte, situado na rúa Escultor Francisco Moure, 17.

O viño e as TIC
De xeito complementario, a Deputación organizou tamén este xoves no Centro do Viño da cidade do Cabe a xornada informativa Vinos y TIC´S: Imagen de éxito ¿Necesita el vino internet para vender, co obxectivo de profundizar nas oportunidades que lle ofrecen as TIC ao sector vitivinícola. O Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, acompañado do Director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, inaugurou esta xornada, enmarcada dentro do plan Innova-TE2, cofinanciado por fondos europeos. Santos destacou que “as novas tecnoloxías apórtanlle un plus engadido ao sector”, ao tempo que lembrou a aposta da Deputación por abrir novos mercados ao mundo do viño. Destacou a creación da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, o selo LugoSabe ou o plan Dinamízate. Bruno Lovelle, sumiller e xerente de vinosacra.es; Rubén Amorín, especialista en comunicación, marketing e social media; e Paula Robaliza, periodista experta en comunicación 2.0 foron os encargados de trasladarlle aos participantes os beneficios que supón o amplo mercado da internet para a comercialización do viño.

Monforte, na memoria dixital
Por outra banda, García Porto e Rivera Capón visitaron o centro de maiores monfortino Geriatros, no que se está a desenvolver o programa Memoria Dixital Tic-Tac, un programa da Fundación TIC, co que se creará un rexistro audiovisual de parte da historia da provincia a través das testemuñas dos participantes nesta iniciativa. “Este banco de recordos será unha oportunidade única para acceder ás historias dos nosos maiores”, destacou a Deputada de Economía.

Memoria Dixital Tic-Tac consta de 9 talleres, que se desenvolverán ata o 28 de febreiro en todas as comarcas da provincia. Está aberto a asociacións e centros de maiores e aos veciños de todos os Concellos que desexen participar, agás os de Lugo capital. Os interesados poden apuntarse chamando ao número de teléfono 982-254-666.