Deputación de Lugo

Véndete para emprender! analizará en Cervo a fórmula da valía persoal para atopar emprego

- Lara Méndez presentou esta xornada gratuíta, organizada pola institución provincial, o Grupo Acción Consciente e o instituto Marqués de Sargadelos, que terá lugar na aula de usos múltiples deste centro o vindeiro xoves 12 de febreiro ás 10:00 horas - Na xornada, dirixida principalmente ao alumnado de 2º de bacharelato e ciclo superior deste instituto e do de Xove, o coach Felipe García Rey amosaralle aos asistentes  o valor das propias ideas, como xestionar os medos ou a importancia dunha marca persoal

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este mércores no Instituto Marqués de Sargadelos a xornada gratuíta Véndete para emprender!, que acollerá este centro educativo o vindeiro xoves 12 de febreiro tras o seu éxito na Deputación e no Instituto Centro Integrado Porta da Auga de Ribadeo, onde participaron máis de 200 persoas. Trátase dunha charla motivacional organizada pola Deputación de Lugo coa colaboración do Grupo Acción Consciente e o propio centro educativo, dirixida principalmente ao alumnado de 2º de bacharelato e ciclo superior, tanto do IES Marqués de Sargadelos como do IES Illa de Sarón de Xove.  

No acto, no que tamén estivo presente o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, o director do Marqués de Sargadelos, Eduardo Gallo; o Presdiente da Asociación de Nais e Pais de Alumnos deste instituto, Francisco Malla, e unha integrante deste colectivo, Luján Ramos, Méndez subliñou o “profundo compromiso que ten a Deputación co desenvolvemento de políticas dirixidas a reactivar o mercado laboral, e máis nun momento tan complicado como o actual. A Mariña pechou o 2014 con máis de 5.600 desempregados, o peor mes para o emprego dende que hai estatísticas oficiais, perdendo nos últimos anos 176 empresas. Por iso dende a Deputación, aínda que non temos competencias directas en emprego, puxemos en marcha varios programas de inserción laboral, como o Pacto polo Emprego II, ou o Ben Empregado, cuxa segunda edición se porá en marcha en breve debido ao seu éxito, incrementándose a súa dotación ata os 6 millóns de euros”.

Pola súa banda, os representantes do instituto destacaron a importancia deste tipo de accións que ademais de complementar a formación reglada son de grande interese para afrontar a situación actual.

Baixo o título Véndete para emprender!, o “coach” profesional, relator e formador Felipe García Rey revelará as aptitudes e as actitudes necesarias para enfrontarse con éxito á busca de emprego e chegar á entrevista de traballo con pleno coñecemento e seguridade nun mesmo. A charla baséase en analizar temas como a motivación, a xestión dos medos ou a creación dunha marca persoal.

A asistencia á conferencia, que se celebrará entre as 10:00 e as 13:00 horas na aula de usos múltiples do instituto, é totalmente gratuíta, unicamente limitada ao aforo do espazo, que é de 70 prazas.

Traxectoria do poñente
Felipe García Rey é socio-director do Grupo Acción Consciente, “coach” profesional, poñente motivacional, formador e un dos primeiros profesionais acreditados en España para o uso de técnicas de dinámicas de alto risco e firewalking. Na actualidade está completando o grao universitario en Psicoloxía. Articulista habitual e membro do comité de redacción do Observatorio Europeo de Coaching, formouse sobre habilidades directivas, desenvolvemento profesional e persoal, intelixencia emocional, liderazgo, negociación persuasiva ou xestión do tempo. Ademais é membro e colaborador de AECOP (Asociación Española de Coaching y Consultoría de Procesos), ASNIE (Asociación Nacional de Inteligencia Emocional) e mentor da Fundación Barrié e Talentous.