Deputación de Lugo

Lara Méndez presentou os servizos de asesoramento tecnolóxico gratuíto da Deputación aos empresarios da provincia

- A Vicepresidenta presentou hoxe na Confederación de Empresarios de Lugo esta nova iniciativa, á que os interesados poden acceder chamando ao teléfono 982 225 186 ou ben achegándose ao Centro de Innovación Social In Lugo - Méndez avanzou tamén outras iniciativas de apoio ao tecido empresarial, como a creación de aplicacións móbiles para os tres sectores estratéxicos lucenses e outras actividades formativas e divulgativas no eido das TICs - O acto rematou cunha ponencia acerca dos servizos que esta iniciativa ofrece e as vantaxes que as TIC poden ofrecer a empresas de diferentes sectores produtivos

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, presentou este martes na sede da Confederación de Empresarios da provincia de Lugo a nova iniciativa que a Deputación vén de poñer en marcha o pasado 12 de xaneiro, e coa que ofrecerá, de xeito totalmente gratuíto, asesoramento, apoio e formación ás PEMES e aos autónomos de toda a provincia para o fomento das novas tecnoloxías no eido empresarial.

Lara Méndez, acompañada do director de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías da Deputación, Pablo Rivera, e do Secretario da Confederación de Empresarios, Jaime López, destacou a importancia de prestar apoio a PEMES e microempresas, “as cales seguen a supoñer o 95% do tecido empresarial da provincia malia que levan tempo atravesando graves dificultades”. Méndez subliñou que manter este peso específico pasa por aumentar a competitividade; manter unha relación máis directa clientes e proveedores ou a adaptarse aos novos mercados, entre outras. Neste sentido, precisamente son as novas tecnoloxías as que “fan ás empresas máis competitivas, melloran a súa produtividade e facilitan o seu funcionamento, xerando plusvalía”.

A Vicepresidenta tamén lembrou outras iniciativas enmarcadas nesta liña de apoio ao tecido empresarial, como a futura creación de tres aplicacións móbiles (App), centradas nos tres sectores estratéxicos da provincia: agroalimentario, forestal e turístico; o desenvolvemento de diferentes actividades formativas e divulgativas gratuítas no eido das TICs. Así mesmo,  lembrou outras medidas postas en marcha pola institución provincial nos últimos oito anos, para fomentar a incorporación e uso de ferramentas tecnolóxicas no tecido empresarial, como a creación da plataforma de comercio electrónico www.losproductosdelugo.com, o plan Dinamíz@TE, e o Plan Ben Empregado!.

Pola súa banda, Jaime López, secretario da CEL, destacou que “as novas tecnoloxías forman parte da vida cotiá e as empresas non poden permanecer alleas a esta realidade para garantir a súa propia supervivencia. É por esta razón que proxectos como Innov@Empresa son de grande interese”. Así mesmo, subliñou a satisfacción da Confederación de Empresarios de Lugo por “colaborar con este tipo de iniciativas, pois a incorporación de procesos de innovación e das TIC son, dende o noso punto de vista, claves para o futuro e o presente das nosas empresas”

Máis información
A iniciativa presentada hoxe, financiada con fondos europeos ao 80%, naceu coa intención de permanecer no tempo, de xeito que as oficinas de asesoramento abertas en Lugo, Viveiro e Monforte se manteñan, tendo en conta ademais que estas permiten a creación de máis de 20 postos de traballo, os do persoal que atenderá ás empresas tanto nestes centros como, in situ, posto que se desprazarán pola provincia.

As empresas que queiran beneficiarse ou coñecer máis sobre esta iniciativa poden facelo no de teléfono 982 225 186 ou ben achegándose a calquera dos tres centros existentes.

O acto rematou cunha ponencia a cargo de dous técnicos que prestan asesoramento no Innova Empresa 2.0, na que explicaron máis polo miúdo os servizos que esta iniciativa ofrece aos seus beneficiarios e as vantaxes que as TIC poden ofrecer a empresas de diferentes sectores produtivos.