Deputación de Lugo

Deputación e Concello de Pol melloran a calidade de vida dos veciños de Cima de Vila

- As obras de ensanche dunha pista, financiadas con cargo ao POS, facilitan o acceso ás vivendas e ás explotacións gandeiras do barrio. Cando antes a penas cabía un turismo, agora poden pasar vehículos de emerxencias e maquinaria agrícola  - O organismo provincial destinou investimentos por 3 millóns de euros á dotación e mellora de servizos e infraestruturas no Concello de Pol dende hai oito anos, entre eles a residencia e centro de día públicos para a terceira idade

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, supervisaron as obras acometidas por ambas administracións en Cima de Vila, na parroquia de Suegos, para ensanchar e acondicionar unha pista que dá acceso ás vivendas e ás explotacións gandeiras do barrio, o que supón unha importante mellora da calidade de vida dos veciños. Os traballos executáronse con cargo ao Plan de Obras e Servizos (POS), que, dende o 2012, teñen que financiar en solitario Deputación e Concellos, xa que o Goberno central eliminou a súa achega.
As actuacións, cun orzamento de máis de 26.300 euros e completamente rematadas, consistiron no ensanche ata os 6 metros da pista, duns 150 metros de lonxitude, a colocación de muros de granito, o acondicionamento das cunetas e a colocación das canalizacións. Deste xeito, cando antes a penas cabía un turismo, agora poden pasar vehículos de emerxencia e resulta máis fácil o manexo da maquinaria agrícola.
Gómez Besteiro destacou o compromiso da Deputación “con obras coma esta, que aínda de pequena contía económica, teñen unha profunda relevancia social porque melloran a calidade de vida dos veciños que viven no rural e facilitan o seu traballo”. Neste senso, o Presidente subliñou a utilidade de plans como o de Comunidades Veciñais, hoxe substituído polo de impulso ao medio rural e o sector primario, e o POS, que a Deputación financia no primeiro caso en solitario con 2,2 millóns de euros neste 2015 e no segundo, en colaboración cos Concellos, cun orzamento conxunto de 3,2 millóns de euros este ano.
Pola súa banda, o Alcalde subliñou que nesta obra puxo “moitas horas de traballo” porque foi necesaria “unha difícil” permuta de terreos entre veciños para facela posible, e tamén “moita ilusión” pola súa importancia para todos os veciños do barrio, uns 30, pero en especial porque o ensanche da pista “facilita moito a mobilidade dunha veciña que se atopa en silla de rodas, e que agora pode desfrutar de paseos por diante da súa casa de maneira cómoda, así como o traballo dunha gandería que tiña moi limitado o espazo para acceder á explotación”.

3 millóns en Pol
Esta obra financiada con cargo ao POS é un dos investimentos por 3 millóns de euros que a Deputación de Lugo destinou nos últimos oito anos ao Concello de Pol para a mellora e dotación de servizos e infraestruturas. Entre outras actuacións, o acondicionamento da pista de Arcos-Bouzoa-Vilavella e o abastecemento de auga na parroquia de Luaces, acometidas a través do POS, ademais do acondicionamento do barrio de Hermunde, a traída de auga de A Valiña, Nixela, Trasín, Lúa e Churiz, a mellora do acceso ao barrio de Porrás, a rehabilitación do centro parroquial de Caraño, e a reforma da rede viaria con dotación de aglomerado en quente, o material de maior duración e calidade, nas estradas de Rioxoán, por Boel, Chao do Pousadoiro e Carballido, a Asturias; na de Torneiros, por Hermunde a Pol; na de Paderne, por Francelos e Suegos, a Lea e rampa de Pacios; na de Castroverde, por Montecubeiro e Gondel, a Pol; e na de Fonfría, por Mosteiro, á LU-760.
A Deputación, en colaboración co Concello, constrúe unha residencia e centro de día públicos para a terceira idade. O organismo provincial destina 1,2 millóns de euros e a entidade local 200.000 a financiar estas obras, que estarán rematadas en xuño.  
Os veciños de Pol dispoñen ademais de acceso libre e gratuíto a Internet na praza do Concello a través da wifi instalada pola Deputación co plan Innova-TE, e a entidade local aforra uns 5.300 euros ao ano na factura da luz grazas aos dispositivos de eficiencia enerxética por valor de 46.200 euros que a Deputación instalou gratis en dependencias municipais.