Deputación de Lugo

A Deputación mellora a estrada de Antas de Ulla por Santa Cristina a Rodeiro, beneficiando aos 500 veciños da zona

- García Porto supervisou as actuacións que a institución provincial executa con medios do Parque Móbil e que consisten na rexeneración do firme e limpeza de cunetas - A Deputada avanzou que “tras rematar estas obras, comezaremos coa recuperación integral dos 10 quilómetros da LU-P-0302, de Antas por Santa Mariña a Borraxeiros” - A institución financiou con 32.000 euros do plan en impulso do rural e do sector primario a recuperación de 80.000 m2 de terras baldías e a mellora de dotacións públicas de Antas de Ulla

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, supervisou este martes as melloras que o organismo provincial executa na LU-P-0301, de Antas de Ulla por Santa Cristina a Rodeiro, e que rematarán, previsiblemente, esta semana. As obras, que se realizan
con medios do Parque Móbil, consisten na rexeneración completa da pavimentación dos máis de 6 quilómetros deste vial, así como na limpeza de cunetas. Estas actuacións benefician de xeito directo aos máis 500 veciños das zonas rurais onde se acometen.

García Porto avanzou que “logo de rematar estas obras, comezaremos coa recuperación integral dos 10 quilómetros da LU-P-0302, de Antas por Santa Mariña a Borraxeiros”, un vial “fundamental” para o Concello e que beneficia, de xeito directo, ás máis de 600 persoas que adoitan utilizar esta estrada.

A Deputada lembrou que a institución vén de rematar o acondicionamento dos máis de 24 quilómetros da LU-P-1809, de Antas de Ulla a Chantada, “unha das vías máis importantes da zona, pola que discorren a cotío unhas 1.000 persoas”. Tamén concluíu as melloras na LU-P-0303, de Santiso a Cruceiro;  na estrada que vai dende o casco urbano ao cuartel da Garda Civil, pola vía de Palas de Rei; e nos accesos de varios camiños locais, entre os que destacou o de Antas a Bertosende, Vilasante, Aboi, Fondevila e Suar.

García Porto remarcou que “con estas obras reivindicamos a vida no rural e tratamos de compensar o abandono que sofren os veciños da Comarca por parte doutras administracións”, e salientou que “a mellora das dotacións e infraestruturas de Antas de Ulla é unha prioridade para a Deputación de Lugo, ante a ineficacia do Concello”.

32.000 euros
A Deputada supervisou tamén o remate dalgunha das obras que se acometeron en Antas de Ulla a través do plan en impulso do rural e do sector primario, e que contaron cunha  achega de máis de 32.000 euros. Dentro desta partida, atópase, por unha banda, unha liña para recuperación de terras abandonadas, coa que se conseguiu aproveitar máis de 80.000 m2 de terreo baldíos neste municipio da Ulloa, que agora están destinados á produción de recursos agrogandeiros. Por outra banda, o organismo provincial financiou ao 100%  tres actuacións longamente agardadas polas veciñas e veciños da zona: a mellora dos accesos da Comunidade do Farelo, o cambio da posición dos postes da luz no lugar de Os Carreiros, así como a recuperación de dúas fontes en San Martiño de Vilapoupre.