Deputación de Lugo

O Rexistro da Deputación recibiu preto de 3.000 solicitudes para os contratos do Ben Empregado!

- A cantidade final de peticións aumentará cando se contabilicen as entregadas nos Rexistros doutras administracións e as enviadas por correo postal- A Deputación habilitou unha unidade de Rexistro Xeral adicional dotada con 15 persoas para atender con axilidade o aluvión de persoas que se presentou ao plan de emprego- Tras rematar o prazo de inscrición, publicaranse na web www.deputacionlugo.gal as listas de admitidos e excluídos, e arrancará o proceso de selección

Preto de 3.000 solicitudes recibiu o Rexistro da Deputación nos últimos dez días para optar aos 248 contratos do plan Ben Empregado!, unha cantidade que aumentará cando se contabilicen as peticións entregadas nos Rexistros doutras administracións e as enviadas por correo postal. Así o avanzou este mércores a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, quen explicou que o organismo provincial habilitou unha unidade de Rexistro Xeral adicional dotada con 15 persoas para atender con axilidade o aluvión de persoas que se presentou a este novo programa de emprego, que escoita ao tecido empresarial para axustar a oferta laboral á demanda.

Unha vez rematado onte o prazo de inscrición, nos vindeiros días colgaranse na páxina web provincial www.deputacionlugo.gal as listas de admitidos e excluídos, e arrancará o proceso de selección, que estará rematado a mediados deste mes de marzo e consistirá na valoración de méritos e do currículo, ademais dunha entrevista. Seguidamente, publicarase a lista de persoas seleccionadas e comunicaráselle ás 221 empresas e entidades sen ánimo de lucro beneficiarias o traballador ou traballadores que lles foron asignados. As propias entidades ocuparanse da súa contratación, cumprindo coa modalidade contractual e pola xornada laboral establecida na solicitude da axuda. O contrato deberá formalizarse na última semana de marzo.