Deputación de Lugo

A Deputación arranxará a estrada Pedrafita-Seoane do Courel para responder ás peticións dos Orzamentos Participativos

- O Presidente da Deputación, acompañado polo Alcalde de Pedrafita, avanzou que empezan os trámites para ocupar os terreos necesarios que completarán a mellora da LU-P-1301 - Gómez Besteiro defendeu este investimento na Montaña lucense, “que contribuirá a mellorar as comunicacións entre os dous Concellos” - Os traballos consistirán no movemento de terras e muros de contención; a drenaxe do firme e a aplicación de doble capa de aglomerado en quente, e darán como resultado unha estrada de 8 metros de ancho con doble carril de circulación

A Deputación de Lugo acondicionará a estrada provincial LU-P-1301, que comunica Pedrafita e Seoane do Courel, cumprindo así coas demandas feitas polos lucenses durante a elaboración dos Orzamentos Participativos. Así o anunciou o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, en Pedrafita do Cebreiro, onde estivo acompañado polo Alcalde, José Luis Raposo.

Gómez Besteiro defendeu este investimento na Montaña lucense, “que contribuirá a mellorar as comunicacións entre os dous Concellos”. “A Deputación está a facer un esforzo inversor para dar resposta a esta demanda”, subliñou.

O Presidente avanzou que o organismo provincial iniciou os trámites para a ocupación dos terreos necesarios que permitirán mellorar un tramo de preto de 6 quilómetros. “Continuaremos o acondicionamento dende a parte que xa está arranxada ata o final da vía”, asegurou.

Pola súa banda, José Luis Raposo destacou a trascedencia desta obra, posto que non só reducirá os tempos dos desprazamentos entre os Concellos de Pedrafita e O Courel e aumentará a seguridade dos seus numerosos usuarios, senón que tamén suporá un enlace directo coa A-6, de xeito que “é unha mellora indiscutible para os veciños da Montaña”.

Unha vez concluído o proceso de ocupación dos terreos, a Deputación iniciará os traballos de acondicionamento no tramo de estrada que aínda resta por mellorar, en concreto o comprendido entre os puntos quilométricos 0,00 e o 5,700. As actuacións comezarán co movemento de terras e de muros de contención existentes, necesario para a posterior ampliación da estrada. Unha vez rematados, esta contará con dous carrís de circulación de 3,10 metros, aos que se sumarán arcéns de preto de 1 metro, de xeito que a LU-P-1301 pasará a ter un ancho de 8 metros. Tamén se mellorará o firme da calzada mediante o uso de material de drenaxe, dobre capa de aglomerado en quente e sinalización horizontal e vertical, de xeito que a seguridade dos futuros usuarios se incrementará notablemente.