Deputación de Lugo

Arte ritual creada por mulleres na nova mostra da Capela de Santa María

- Lara Méndez e Regina Polín inauguraron a exposición Rituais. Artistas Mulleres en Primeira Persoa, que reúne unha vintena de obras multidisciplinares de 10 artistas galegas- Poderá visitarse ata o 5 de abril, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é gratuíta

Inauguración, a Vicepresidenta Segunda, que estivo acompañada polas artistas que expoñen as súas pezas, polo comisario da mostra, Carlos Lafuente, e polas Deputadas de Economía, Recadación e Facenda, e Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Pilar García e Sonsoles López Izquierdo, respectivamente; destacou que “esta exposición é unha oportunidade única para reflexionar sobre o mundo dos rituais, e mais para facelo dende o punto de vista máis íntimo de artistas mulleres, a quen queremos homenaxear tamén coa organización desta mostra neste mes de marzo, no que conmemoramos o Día Internacional da Muller”.

“Artistas como as aquí presentes, Deputación e Centro de Artesanía e Deseño conseguimos converter a Capela de Santa María na nova capitalidade cultural de Lugo. Un espazo único capaz de dar cabida á artesanía e á arte, conxugando perfectamente tradición e modernidade ao acoller dende traballos tradicionais, como o caso da mostra que vimos de clausurar aquí o pasado domingo, Mans de Ferro, que recibiu máis de 1.000 visitas, con obras máis vangardistas”.

Neste senso tamén insistiu Polín, quen lembrou que “unha vez máis, a Capela acolle unha exposición de exquisita calidade, con artistas luguesas e galegas, que se suman á longa lista de nomes que teñen dado a este espazo o nivel que todos lle recoñecen hoxe en día”.

10 artistas e unha vintena de obras, abertas a numerosas interpretacións
A través da mirada artística de 10 artistas galegas, os visitantes de “Rituais. Artistas Mulleres en Primeira Persoa” poderán observar unha vintena de obras multidisciplinares baseadas na arte ritual e coñecer así os ritos representados nas fotografías, pinturas e esculturas que realizaron Isabel Alonso, Helen Bertell, Paula Cabaleiro, Basilisa Fiestras, Gema López, Carmen Llonín, Reme Remedios, Cristina Sánchez, Neves Seara e Paz Vicente.

Entre as obras máis destacadas desta mostra, “que busca abrir horizontes ás novas percepcións da arte contemporánea a través de obras visuais”, tal e como a cualificou o comisario, destaca unha creación cun vestido que se tinguirá dun soro vermello ao longo do mes que dura a exposición, representando así o final do rito dos rituais por excelencia, a vida. Dentro desta exposición tamén se poden atopar obras como “Raíña da Encrucillada”, que mostra a muller ante a realidade, ante as eleccións que debe tomar no seu camiño diario; “Efectos colaterais”, onde se presenta unha muller esgotada pola opresión da sociedade; ou “Avoa, nai, filla e neta”, que fai referencia ás etapas da vida dunha muller.

Horarios da exposición
“Rituais. Artistas Mulleres en Primeira Persoa” poderase visitar ata o 5 de abril, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e as fins de semana, de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas. A entrada é gratuíta.