Candidatos aos Mestre Mateo en longametraxe, documental e montaxe comparten experiencias cos alumnos da EIS
Os alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC compartiron este xoves experiencias con tres dos candidatos á mellor longametraxe e documental aos Mestre Mateo 2015, dentro dos Encontros que organiza a Academia do Audiovisual Galego como preámbulo á gala de entrega destes premios. Na mesa redonda participaron Jaione Camborda, coguionista da película Os fenómenos; Marcos Nine, director e montador do documental A viaxe de Leslie; e Antonio Caeiro, director e guionista do documental A volta dos nove.
No acto de presentación, o patrón da Fundación TIC Álvaro Santos destacou a gran oportunidade que supón para os nosos alumnos aprender dos mellores profesionais e, neste caso concreto, coñecer de primeira man como se elabora un guión de longametraxe, o proceso para a elaboración dun documental e a importancia fundamental que ten a montaxe no produto final. Santos subliñou que este contacto directo co mundo do cine e do audiovisual é un dos piares do noso modelo de formación, de feito, un dos nosos convidados, Marcos Nine, xa é un vello coñecido dos alumnos, aos que lles impartiu unha master class na EIS. Ademais, lembrou que este ano cinco traballos dos nosos alumnos e titulados estiveron entre os preseleccionados aos Mestre Mateo e diversas categorías.
Longametraxe e documentais finalistas
Os fenómenos opta á mellor longametraxe xunto a A Esmorga, El Niño e Schimbare, e Jaione Camborda ao mellor guión, xunto co director da cinta, Alfonso Zarauza. A película, que conta no o seu reparto con Lola Dueñas e Luis Tosar, é un drama de corte social que aborda a crise do sector da construción a través dos ollos dunha muller. A protagonista decide volver ao seu pobo natal e, despois de numerosas dificultades, atopa un emprego de peón albanel.
A Viaxe de Leslie e A volta dos nove compiten cos documentais Angrois no esquecemento e Funes, o inventor da lúa. Ademais, o director de A viaxe de Leslie, Marcos Nine, tamén é candidato á mellor montaxe. De feito, este documental ten un gran traballo de edición, xa que está realizado por completo con material de arquivo, co obxectivo de recrear a morte dun dos grandes actores de Hollywood, Lelie Howard, protagonista da mítica Lo que el viento se llevó. O documental afonda nun fito histórico: o falecemento do actor nas inmediacións de Cedeira, tras ser derribado o avión no que viaxaba en xullo de 1943 por varios cazas alemáns.
Polo que se refire a A volta dos Nove, no que traballaron durante oito anos Antonio Caeiro e Margarita Teijeiro, céntrase en relatar a historia dun paseo durante a guerra civil española, no concello de Baiona. Neste caso, é un traballo de memoria oral no que se descubre a enigmática historia dunhas cruces que durante máis de 40 anos foron marcadas no chan da curva Bombardeira do quilómetro 58, na estrada entre Baiona e A Guarda.