Deputación de Lugo

A Deputación, a única administración de Lugo que conta cun desfibrilador externo semiautomático

- Con este aparato sanitario diagnostícase e trátase a parada cardiorrespiratoria producida por unha fibrilación ventricular, que aparece entre o 59-65 % dos casos de parada cardíaca- Segundo datos oficiais, con este instrumento pódese reducir ata nun 75% os casos de morte súbita producidos cando o corazón ten impulsos eléctricos pero non mecánicos- O protocolo de actuación en caso parada consiste en: avisar ao 061, comezar co masaxe cardíaca, colocar os eléctrodos e seguir as indicacións do desfibrilador

A Deputación de Lugo é a unica administración pública de Lugo que conta cun desfibrilador externo semiautomático (DESA) que serve para diagnosticar e tratar paradas cardiorrespiratorias producidas por unha fibrilación ventricular. Esta aparato sanitario, que só funciona cando a parada é producida por este problema cardíaco, ten un éxito do 75% se se aplica entre os primeiros 3 e 5 minutos. A finalidade do desfibrilador é a de reverter unha parada cardíaca, dando descargas eléctricas para pór ao corazón no seu ritmo habitual.

O desfibrilador conta cun sistema de análise do ritmo cardíaco que monitoriza o ritmo do corazón e que, se é preciso, libera unha descarga eléctrica. É de manexo e mantemento moi sinxelo. O DESA instalado na Deputación só precisa que os eléctrodos (parches) estean colocados no paciente e que o aparello estea acceso. A partires de aquí, o propio desfibrilador emite unha voz indicando cales son os pasos a seguir pola persoa encargada do aparello.

Segundo as recomendacións do European Resuscitation Council, a fibrilación ventricular aparece no 59-65 % dos casos de parada e, segundo os datos oficiais deste consello europeo, se se trata esta parada co DESA entre os primeiros 3 e 5 minutos, os resultados son máis que notables: ao redor do 75 % dos casos son exitosos.

Protocolo de actuación
O protocolo de actuación fronte a un caso de parada consiste en: primeiro, e máis importante, dar conta da incidencia ao 061, para que despracen, o antes posible, unha unidade móbil ao lugar dos feitos. En segundo lugar, comézase coas compresións torácicas (masaxe cardíaco) ao tempo que se van instalando os parches eléctricos nos lugares que indica o DESA. Logo de colocar os parches, o aparello analiza e diagnostica o problema do paciente, e emite un voz que nos indica os tempos obrigatorios de masaxe así como os momentos de descarga.