Deputación de Lugo

Aprobado o plan que custea a matrícula aos 135 mellores expedientes de BAC, FP e grao do Campus de Lugo

- 76 lucenses no paro comezarán a traballar a vindeira semana a través do Ben Empregado 1, sumándose a outros 162 que xa se incorporaron ao mercado laboral con este programa- Aprobado o modelo de xestión pública do Centro de Recría, que implica a participación directa do sector gandeiro no funcionamento destas instalacións- Contratadas con máis de 600.000 euros as obras de mellora nas estradas de “Friol a Parga” e de “Vilalba a Camposo de Penamaior e rampa de Xermade”- A Deputación ofrecerá a persoas con discapacidade sesións gratuítas de equinoterapia con profesionais cualificados a través do programa “Galopa con nós”

A Xunta de Goberno deste venres aprobou a convocatoria e as bases do plan de captación de talento, que leva por nome “O teu esforzo ten premio en Lugo”, mediante o cal a Deputación custea, con 130.000 euros de fondos propios, a matrícula íntegra aos 135 mellores expedientes de BAC, FP e grado do Campus de Lugo. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, apuntou que se trata dunha iniciativa que responde ás peticións dos veciños nos Orzamentos Participativos 2015, e que dá continuidade ao Plan de Choque que Deputación e USC puxeron en marcha para impulsar o Campus de Lugo.

Martínez explicou que “O teu esforzo ten premio en Lugo” inclúe dúas medidas: 1ª.- Premios para os mellores expedientes de BAC e FP. A Deputación sufragará o custo íntegro da matrícula a 90 estudantes que se matriculen no Campus de Lugo na convocatoria de xullo. Serán as dos 6 mellores expedientes en cada unha das 15 titulacións de Grao que ofrece o Campus lugués. 2ª.- Premios para os mellores expedientes que se gradúen no Campus de Lugo. Serán para os 45 mellores expedientes graduados en cada unha das 15 titulacións do Campus de Lugo. Son 3 premios por grao. Neste caso, a Deputación sufragará o custo íntegro da matrícula dos Máster que ofrece o Campus lugués no curso 2015-2016.

Nos vindeiros días, o BOP publicará as bases e a convocatoria deste plan de captación de talento para, ao día seguinte, abrir o prazo de solicitude.

Máis emprego
A sesión resolveu a contratación de 76 desempregados lucenses co Ben Empregado 1. A vindeira semana, asinarán os seus contratos e comezarán a traballar en 47 empresas e entidades sen ánimo de lucro da provincia. Estes 76 traballadores súmanse aos 162 que xa accederon aos seus novos postos de emprego, sendo, polo de agora, un total de 238 os beneficiados do Ben Empregado 1.

Xestión Centro de Recría
A Xunta de Goberno aprobou o prego de cláusulas administrativas que rexe a xestión pública do Centro de Recría. Nos vindeiros días, publicarase no BOP, a partires do cal os interesados terán un prazo de 15 días naturais para presentar ofertas. A explotación do servizo é por un período mínimo de 15 anos, prorrogables a un máximo de 25. O canon é dun mínimo de 50.000 euros anuais, posto que o definitivo será o que presente o licitador.

O voceiro socialista explicou que os interesados deberán cumprir as seguintes obrigas: 1ª.- Contar coa participación directa dos gandeiros, a través de entidades de economía social, isto é cooperativas, SATS..., “posto que son estes profesionais os que mellor coñecen o sector e os que máis rendibilidade lle poden sacar a estas instalacións”. 2ª.- Contar cunha porcentaxe mínima dun 30% de traballadores con contrato indefinido e contratar, como mínimo, un 10% de persoal de colectivos con máis dificultades laborais como, por exemplo, maiores de 45 anos, menores de 25 ou parados de longa duración. 3ª.-Deberán respectar, estritamente, a lexislación en materia de protección do emprego, condicións de traballo e prevención de riscos laborais, así como a relativa á protección do medio ambiente. Ademais, os licitadores terán que incorporarán á memoria que presenten as tarifas que deberán abonar os gandeiros que fagan uso do Centro de Recría.

Obras
Acordouse a contratación das obras de mellora de 5 quilómetros na estrada LU-P-2101, de Friol a Parga, por valor de 303.000 euros. Consisten na rexeneración do firme con aglomerado en quente, sinalización vertical e horizontal, así como na limpeza de cunetas. Levaranse a cabo en dou treitos: dende o punto quilométrico 3,100 ao 5,500, e do 11,850 ao 14,250. Tamén se aprobou a adxudicación das obras de mellora en 6,6 quilómetros da estrada LU-P-6513, de Vilalba a Camposo de Penamaior e rampa de Xermade, por valor de 310.000 euros. Trátanse dunhas actuacións solicitadas polos veciños de Xermade e Vilalba nos Orzamentos Participativos. Levaranse a cabo entre os puntos quilométricos 2,590 e 9,200. Consisten na dotación de aglomerado en quente, na reapertura e limpeza de cunetas, ademais da renovación das sinais horizontais da vía.

“Galopa con nós”
A Xunta de Goberno aprobou o programa “Galopa con nós”, que ofrece gratis a persoas con discapacidades sesións de equinoterapia con persoal sanitario cualificado. A equinoterapia está considerada como unha terapia integral, posto que cumpre funcións fisioterapéuticas e aporta amplos beneficios na área psicolóxica. Son moitas as patoloxías que se tratan a través da práctica equina, tales como a coordinación, equilibrio ou o control do corpo. Ademais, facilita a integración social e mellora a autonomía de persoas con discapacidade. Polo tanto, “Galopa con nós” esta dirixida a persoas con discapacidade psíquica, física ou sensorial; persoas con trastornos psicolóxicos, da linguaxe ou aprendizaxe; e persoas con problemas de marxinación ou inadaptación social.

Nos vindeiros días, o BOP publicará as bases e a convocatorias desta programación para seleccionar ás entidades participantes, que terán que contar con persoal especializado, non só nas habilidades ecuestres, senón tamén coñecementos de fisioterapia, psicoloxía e pedagoxía para poder ofrecer sesións de equinoterapia. O programa arrancará con 20 prazas gratuítas, custeadas con 14.000 euros da Deputación.