Deputación de Lugo

A DEPUTACIÓN DE LUGO AMPLÍA EN 10 DÍAS NATURAIS O PRAZO PARA PRESENTAR OFERTAS, EN SOBRE PECHADO, DO AUDI A8

Imaxe deputación de lugo
• Empresarios do sector automobilístico expresaron a súa intención de concorrer á poxa na modalidade de sobre pechado pero indicaron que o período vacacional dificulta a confección de certos aspectos da documentación administrativa• Dito prazo adicional intégrase no procedemento de enaxenación publicado no BOP, o 29 de xullo de 2015

A Deputación de Lugo informou esta mañá que o prazo para presentar ofertas, na modalidade de sobre pechado, do vehículo oficial do anterior presidente do Organismo Provincial, José Ramón Gómez Besteiro, amplíase en dez días naturais.
O Ente provincial manifestou que varios empresarios vencellados ao sector automobilístico expresaron recentemente a súa intención de concorrer á poxa na modalidade de sobre pechado e indicaron que debido ao período vacacional tiñan dificultades para confeccionar certos aspectos da documentación administrativa, concretamente para acadar a valoración técnica dos vehículos.
Dito prazo adicional intégrase no procedemento de enaxenación publicado no Boletín Oficial da Provincia, o mércores 29 de xullo de 2015, rexéndose por ditos pregos entre os que figuran que o proceso de alleamento efectuarase en réxime de concorrencia, mediante poxa pública, onde se realizará unha subasta a mao alzada e na segunda orde admitiranse ofertas en sobre pechado.
Establecido o procedemento de alleamento mediante poxa pública, o vehículo adxudicarase a favor de quen presente a oferta máis vantaxosa sobre o prezo mínimo de valoración establecido en 25.500 euros. A oferta económica poderá consistir para a poxa a mao alzada en diñeiro metálico e para a poxa en sobre pechado pode ser: en diñeiro metálico, permuta doutros vehículos de quilómetro 0 ou novo e como mínimo ter catro prazas, aportando, ademais da descrición, a valoración técnica e económica ou a combinación de ambas opcións.