Deputación de Lugo

A TIC apoia de novo ao comercio de Lugo na VI Feira Outlet, aberta ata o xoves con descontos do 80%

Unha trintena de negocios poñen á venda os seus stocks na mesma carpa do Artesanfroilán, que rematou con vendas de máis de 130.00 euros e uns 600 encargos

A Deputación de Lugo e a Fundación TIC apoian novamente ao comercio de Lugo na Feira Outlet, que abriu as súas portas este martes na praza Anxo Fernández Gómez, detrás da Casa Consistorial, na mesma carpa que acolleu o Artesanfroilán, que rematou onte mesmo cun volume de vendas superior aos 130.000 euros.

Así o adiantou o Deputado e patrón da TIC, Álvaro Santos Ramos, durante a inauguración da Feira Outel, na que tamén participaron a Alcaldesa, Lara Méndez, a Secretaria Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, e a Presidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real.

Santos Ramos destacou que esta colaboración enmárcase dentro da aposta da Fundación TIC pola promoción dos comerciantes e autónomos lucenses, aos que se lles elaboran produtos audiovisuais e reportaxes para contribuír coa difusión dos seus establecementos. A TIC colabora coa Feira Outlet dende a súa primeira edición, ao igual que o fai coas Noites Abertas de Lugo e Sarria ou co Comercio na Rúa. Ademais, con este apoio, os estudantes da Escola de Imaxe e Son realizan prácticas profesionais nun escenario real, un dos piares básicos da formación de calidade que imparte a EIS.

Na Feira Outlet participan unha trintena de establecementos con centos de variados produtos de stock e descontos de ata o 80%. Está aberta dende hoxe e ata o xoves 15 de outubro, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

Artesanfroilán
O Deputado fixo balance da XIX edición do Artesanfroilán, no que participaron 21 talleres artesáns que acadaron unhas vendas de 133.430 euros. Os beneficios serán superiores, posto que estes profesionais recibiron ao redor de 600 encargos. Por exemplo, traballos de restauración, decoración de vodas, elaboración de pezas para o fogar, traxes rexionais, complementos...