Deputación de Lugo

A Deputación súmase mañá en Lugo á viaxe en tren máis reivindicativa da historia de Galicia

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente fará súas as reclamacións de colectivos de toda índole, que representan a máis de 50.000 da provincia, para que Lugo conte, canto menos, cuns servizos  ferroviarios dignos - A diferenza das restantes provincias de Galicia, en Lugo non hai, nin tan sequera, previsión para a chegada do AVE ou para a construción da intermodal - Lugo é unha das provincias de España coas peores conexións en tren con Madrid, así como a cidade galega con menos viaxes á Santiago de Compostela

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, sumarase mañá xoves á viaxe en tren máis reivindicativa da historia de Galicia. E éo porque nela participarán membros de colectivos de toda índole e que representan a máis de 50.000 veciños.

Concretamente, algúns deles son: Federación de Asociacións de Veciños de Lugo; Federación de Comercio; Asociación Provincial de Hostelería; Confederación de Empresarios; Colexio de Graduados Sociais; Asociación da Prensa; Colexio de Avogados de Lugo; Cruz Roja; Asociación de Talleres; UGT, CC.OO ou CIG-Saúde.

Xunto a Darío Campos, estarán a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé; o Alcalde de Ribas de Sil, Miguel Ángel Sotuela Vega; a Alcaldesa do Incio, Laura Celeiro; a Alcaldesa de Sarria, Pilar Yañez; o Alcalde de A Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda; a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín; a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; o Alcalde de Láncara, Darío Piñeiro; o Alcalde de Monterroso, Jesús Otero e o Alcalde de Rábade, Francisco Fernández. Tamén participarán outros membros do Goberno Provincial, como o Vicepresidente, Antonio Veiga; así como senadores, deputados autonómicos e nacionais.

Lugo, a provincia esquecida
A comitiva reclama máis conexións ferroviarias con Madrid ou Barcelona; mellorar o servizo de cercanías, que practicamente non existe, tendo en conta non só a cidade de Lugo, senón tamén as conexións con outras vías da provincia, como Sarria, Guitiriz ou Monforte; prezos competitivos e promocionais; que se supriman pasos a nivel na cidade do Cabe, así como que se constrúan outros sobre as vías en Rábade; que se promova a construción da Estación Intermodal na cidade Luguesa e a chegada do AVE á provincia; impulsar o transporte de mercadorías, especialmente coas plataformas loxísticas ou a posta en marcha dun plan para mellorar o FEVE na Mariña, entre outras reivindicacións dos veciños da provincia.

Lugo é a “cenicienta” ferroviaria de Galicia. Por exemplo, recentemente resultou ser a única provincia da comunidade á que non lle afectou positivamente o Plan de RENFE. Todo o contrario, pois reducíronse, aínda máis, os viaxe, habendo un só traxecto diúrno a Madrid e situando a Lugo entre as provincias de España coas peores conexións coa capital do Estado.

Outros exemplos desta discriminación son que, a diferenza das restantes provincias de Galicia, en Lugo non hai, nin tan sequera, previsión para a chegada do AVE ou para a construción da intermodal.  Ademais, Lugo é unha a provincia galega con menos conexións en tren á Santiago de Compostela.