Deputación de Lugo

Os máis de 1.700 usuarios das Rutas Fluviais valoraron con sobresaínte o servizo renovado polo Goberno da Deputación

Imaxe deputación de lugo
- Aproveitando a afluencia de visitantes, realizáronse enquisas aos viaxeiros, que valoraron cun sobresaínte o servizo renovado, sendo 5 a puntuación máxima, a nota foi de 4.7. - 13 Deputados decidiron votar en contra da emenda á totalidade á moción presentada polo PP para a cesión do uso Pelegrin II a entidades locais e administracións sen ánimo de lucro para que se poidan beneficiar del - O Grupo Provincial Socialista presentou unha emenda de substitución á moción en defensa das Deputacións Provinciais que non saíu adiante polos votos de 13 Deputados

O vicevoceiro socialista e Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, puxo en valor este martes no Pleno “as profundas reformas que o Goberno levou a cabo nas Rutas Fluviais da Ribeira Sacra, que serviron para mellorar esta oferta lúdica e medioambiental, así como para adaptar estas viaxes á demanda existente”.

Vidal Baamonde remarcou tamén “a altísima ocupación das Rutas Fluviais durante a Semana Santa pois, contabilizadas xa todas as reservas, o número de usuarios destes días superou os 1.700. Aproveitando a afluencia de visitantes, realizáronse enquisas aos viaxeiros, que valoraron cun sobresaínte o servizo renovado, sendo 5 a puntuación máxima, a nota foi de 4.7, o que amosa que o Plan de Mellora ao que sometemos ás Rutas Fluviais foi o máis axeitado”.

Emenda á totalidade á moción do PP
O Grupo Provincial Socialista presentou unha emenda á totalidade á moción presentada ao Pleno polo Partido Popular, mais 13 Deputados decidiron votar en contra dela. Na emenda socialista, contemplábase a cesión do uso do barco Pelegrin II así como diversas infraestruturas, para que as entidades locais e administracións sen animo de lucro poidan desfrutar del como mellor consideren.

Vidal Baamonde explicou que “as modificación que pretende realizar o Partido Popular son, en moitas casos, inviables”. Neste senso subliñou que “non se pode ampliar a tempada do verán por razóns de seguridade, xa que a partir do mes de setembro, é necesario suprimir as saídas das 19:00 horas, pola diminución de horas de luz. Ademais, como deberían saber os Deputados populares, nos Peares non hai unha infraestrutura válida para organizar a saída regular dun barco. En canto ás instalacións en Maiorga, non son de titularidade provincial”.

Supresión das Deputacións
O Grupo Provincial Socialista presentou unha emenda de substitución á moción en defensa das Deputacións provinciais presentada polo Partido Popular, que non saíu adiante polos votos en contra dos Deputados do PP e do Deputado non Adscrito. Neste emenda contemplábanse os seguintes aspectos:

1.- Demandar ao futuro Goberno do Estado a derogación inmediata da Lei 27/2013 de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local para que os Concellos recuperen a autonomía local que esta lles usurpou.
2.- Instar ao futuro Goberno do Estado a que tendo en conta as peculiaridades dos diferentes territorios, promova unha revisión profunda da lexislación en materia de Administración Local, en diálogo coas entidades que representan á mesma, como a FEMP, trala cal se aprobe a lexislación pertinente na que queden claramente definidas as competencias de cada Administración Local e de cada nivel de Goberno Local, así como a financiación das mesmas, como mellor xeito de garantir a autonomía local, a igualdade de calquera cidadán no acceso a servizos básico e a capacidade das Administracións Locais para xestionalos.
3.- Instar ao futuro Goberno do Estado a que, no momento de abordar a modificación da Lexislación para unha nova organización desa Administración Local, teña en conta a necesidade de moitos territorios e municipios de pequenas dimensións dun ente supramunicipal a través do cal se instrumentalice a cooperación e asistencia necesaria para dar cobertura ás necesidade técnicas e económicas dos Concellos para garantir a prestación de servizos básicos.
4.- Instar ao futuro Goberno do Estado a que, de reformular a planta de Administracións Locais do Estado manteña estruturas administrativas e de Goberno Provinciais, chámense Deputacións ou doutro xeito, que concorde máis coa súa finalidade, que teñan claras as súas competencias e a súa financiación. Será competencia preponderante desa Administración Provincial a cooperación e asistencia tanto técnica como económica cos Concellos de demarcación Provincial, principalmente cos de menos habitantes e en concreto cos de menos de 20.000 habitantes, pero sen excluír a competencia para promover iniciativas de interese xeral cos Concellos de calquera dimensión que teñan carácter supramuncipal, favorezan o interese xeral da Provincia ou das que se poidan beneficiar cidadáns residentes noutros Concellos da Provincia, como infraestruturas ou servizos de ámbito comarcal ou provincial.
5.- Demandar ao futuro Goberno do Estado a avanzar na democratización da elección dos representantes dos cidadáns nas Institucións Provinciais de xeito que se promovan as modificacións lexislativas necesarias para que a eleccións de membros das Corporacións Provinciais sexan directas polos cidadáns e non por un sistema de elección indirecta como o actual.