O VI Torneo Máster de Futbolín reunirá a máis de 200 persoas en Sarria, co apoio da Deputación
- Rivera Capón destacou que este evento se sitúa “na elite nacional dos campionatos de futbolín, tanto a nivel de premios como de participantes”
- O obxectivo do torneo pasa por aumentar a práctica deste deporte na comarca de Sarria, pero sobre todo no ámbito autonómico
O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este mércores xunto coa Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, e o presidente da Asociación Sarriafutbolín, Jonathan López Fernández, o VI Torneo Máster de Futbolín de Sarria, que terá lugar a vindeira fin de semana no complexo Litmar. O sábado 29 celebrarase a modalidade de movemento e o domingo 30 a modalidade de parado.
Rivera Capón destacou que “é un evento consagrado no panorama nacional, situándose na elite dos campionatos de futbolín, tanto a nivel de premios como de participantes, chegados de numerosos puntos de España como Valladolid, Asturias, Barcelona, León e por suposto de todo o territorio galego”.
O Deputado de Deportes engadiu que “o ano pasado acadáronse os 100 equipos e para esta sexta edición do torneo as expectativas son aínda maiores, pois prevese que ata 120 parellas participen nesta cita, coa repercusión económica que isto tamén supón para a vila sarriana”.
O obxectivo do torneo, tal e como apuntaron dende a Asociación Sarriafutbolín, é incrementar a práctica deste deporte na comarca de Sarria, pero sobre todo no ámbito autonómico no que ten unha alta repercusión. En total, repartíranse máis de 4.000 euros en premios e haberá un agasallo para todos os participantes.