Deputación de Lugo

Deputación, Concello de Lugo e Xunta fan posible o acceso universal á Muralla

​Deputación, Concello de Lugo e Xunta de Galicia fan posible o acceso universal á Muralla. Fano coa posta en funcionamento dun ascensor que permite a persoas con mobilidade reducida acceder ao adarve do monumento dende a zona de San Marcos. Trátase dun proxecto conxunto, pois participaron as 3 administracións, co que se dá resposta á longa reivindicación de colectivos como Auxilia. Concretamente, o organismo provincial cedeu un espazo de 6,70 metros cadrados, afincados ao final do Carril dos Romanos, para situar o que é o primeiro elevador á Muralla.
A colaboración da Deputación enmárcase na súa aposta por humanizar os espazos públicos. Mostra disto é a apertura dos xardíns de San Marcos a todos os cidadáns, un espazo que sempre estivo pechado ata que Deputación e Concello de Lugo o abriu a través do Plan Urban. Isto permitiu, ademais, dar continuidade ao Paseo Interior da Muralla logo da recuperación dos calexóns que conectan a rúa San Marcos e a praza do Ferrol coa Muralla.